O Concello de Pontevedra destinou 25.000 euros para atender á petición de axuda de emerxencia feita polos refuxiados saharauís, onde as inundacións destruíron máis de 4.400 vivendas.
"La población saharaui de los campamentos se ha quedado sin nada, sus casas de adobe se derriten como la mantequilla al sol, y lo más preocupante es que ahora empiezan las enfermedades", deste xeito describe o psicólogo Hafdala Mani, membro de Solidaridade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps), os cuantiosos danos que provocaron as inundacións nos campamentos de Tinduf, en Alxeria, onde máis 4.400 jaimas e vivendas precarias diluíronse como azucre baixo as precipitacións máis intensas do últimos corenta anos.
As choivas torrenciais, acompañadas por intensos refachos de vento que azoutaron os campamentos de poboación refuxiada saharauí os días 17 e 18 de outubro causaron grandes inundacións en todos os campamentos e moi especialmente nas wilayas de Auserd e Dajla.
Isto, provocou cuantiosas perdas que afectaron sobre todo ás xa de seu, fráxiles casas de adobe e tendas de campaña, únicos fogares da poboación saharauí. Son moitas as familias que perderon todas as súas pertenzas, incluída a pequena reserva de alimentos da que dispoñían.
Segundo os equipos da Media Lúa Vermella Saharauí presentes sobre o terreo, algúns cidadáns resultaron afectados aínda que non hai que lamentar perdas humanas. Os danos e perdas materiais foron considerables.
Todas aquelas entidades sociais, públicas ou privadas, así como as persoas individuais que desexen colaborar pódeno facer na conta número ES51 2080 5409 11 3040113236.