O Concello de Pontevedra decidiu adoptar as primeiras medidas ante a situación de alerta por seca que se vive na conca do Lérez -e en xeral en toda Galicia- e, de carácter inmediato, aplicaranse restricións no uso de auga para servizos municipais e unha redución na presión nocturna do servizo.
O goberno local celebrou este venres unha Xunta de Goberno extraordinaria na que se analizou a situación "atípica" de consumo e reservas de auga destes días e adoptáronse estas medidas de racionalización no consumo. Son, en concreto catro iniciativas e tan só unha ten un impacto directo no consumo doméstico: a diminución nocturna da presión da auga.
O portavoz municipal, Raimundo González, matizou que "os veciños van ter exactamente igual a auga pola noite", pero que a medida, que é nova, si poderá axudar a reducir o consumo da rede de subministración, pois "se non hai consumo, incrementa a presión, se hai algunha perda nos circuítos, de noite, increméntanse esas perdas". Todo isto significa que "se hai algunha perda, de noite é maior", de modo que, ao reducir a presión, redúcense esas perdas.
As outras tres medidas son a redución substancial da auga nos xardíns, limitar os baldeos ao estrictamente necesario e control exhaustivo das fontes públicas. As fontes ornamentais de Pontevedra son todas de circuíto pechado, de modo que o consumo é moi reducido, pero controlaranse os pulsadores e toda a rede.
Trátase de medidas que buscan ter un "efecto exemplarizante" que se suma á petición que xa fixo o Concello aos pontevedreses para que se faga un consumo máis racional do consumo. Optaron por poñelas en marcha porque a situación vai a peor e na actualidade entre Pontevedra e o resto de municipios aos que se fornece auga está a rexistrarse un consumo diario duns 31.000 metros cúbicos, unha cifra "atípica" e entre un 20 e un 25% superior á media de anos anteriores debido ás temperaturas e a carencia de choiva.
O caudal do río Lérez diminuíu un 2% entre o luns 13 e o xoves 16 de novembro e este venres situábase en 3,62 metros cúbicos por segundo, o que significa un 92% inferior á media dos últimos anos, que se situou en 47,19 metros cúbicos por segundo. O ano con peores cifras fora 2016 e o caudal mínimo rexistrado fora de 11 fronte aos 3,62 deste novembro.
En canto ao encoro do Pontillón do Castro, apenas se usou este ano e atópase ao 84,66% da súa capacidade, o que implica que, en caso de que fora necesario usar só este depósito para abastecer a Pontevedra e todos os concellos que 'beben' do Lérez, chegará para 42 días.
Raimundo González deu cifras sobre a repartición do consumo de auga. Dos 31.000 metros cúbicos diarios consumidos, o 44,1% vaise para o resto de concellos e o 55,9 queda en Pontevedra. No caso da cidade, o 39,5% destínase a consumo doméstico, o 8,9% ao uso comercial e o 1,9% ás industrias.
Nesta cifra non se contabiliza o consumo de Ence, pois a factoría de Lourizán fornécese río arriba, nun punto de control que non corresponde ao concello, senón que debería controlar o organismo autonómico Augas de Galicia. Segundo as cifras que manexa Viaqua, Ence consome ao redor de 100.000 metros cúbicos diarios, isto é, máis do dobre que todos os concellos da conca xuntos.