Pontevedra, "ao carón de Fadoua e da súa familia para esixir xustiza e dignidade"

Pontevedra
06 de outubro 2024
Actualizado: 07 de outubro

Unión política en Pontevedra para condenar o crime machista de Moaña, que deixa dúas vítimas, unha asinada de 41 anos e un orfo de 13. Representantes de BNG, PP e PSOE insistiron en que desde o Concello "continuamos a reclamar medidas efectivas e reais que atallen a violencia machista e as súas consecuencias"

Concentración en Pontevedra polo crime de Fadoua /

Unión política en Pontevedra para condenar o crime machista de Fadoua Akkar, a veciña de Salcedo de 41 anos que foi asasinada na madrugada do venres ao sábado supostamente pola súa parella sentimental,  A.C.T., en Moaña.

Representantes dos tres partidos políticos con representación na Corporación municipal acudiron á concentración convocada diante da Audiencia Provincial, na que se leu un comunicado deixando claro que "estaremos ao carón de Fadoua e da súa familia para esixir xustiza e dignidade".

Fadoua Akkar levaba pouco tempo vivindo en Pontevedra, na parroquia de Salcedo, co seu fillo de 13 anos, pero xa tiña arraigo na zona. De orixe marroquí, a maior parte da súa familia estaba asentada desde hai tempo no veciño municipio de Vilaboa. Esa familia será supostamente a que se encargue agora do coidado do fillo orfo. 

O crime de Fadoua ten dúas vítimas, a propia falecida e o seu fillo que queda orfo, e está xa considerado como violencia machista, pois o suposto asasino, do que ata o momento tan só se coñecen as iniciais, foi detido como presunto autor dun delito de homicidio no ámbito da violencia de xénero.

O home, de 47 anos e veciño de Moaña, foi detido no hospital Povisa, onde se recupera do cadro de hipotermia e perda de consciencia co que foi rescatado da auga na noite do venres ao sábado. Sospeitoso e vítima tiñan unha relación sentimental desde hai pouco tempo, circulaban no mesmo coche, conducido por el, cando se precipitaron á auga, pero ela faleceu e el sobreviviu. 

Este home estaba no sistema VioGén por uns feitos violentos acaecidos no ano 2012. A Audiencia Provincial de Pontevedra condenouno e ingresou en prisión. Ademais, tivo unha orde de afastamento vixente ata o ano 2020 con respecto á muller vítima daqueles feitos.

A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, leu o comunicado oficial do Concello de Pontevedra, no que se "condena" o crime e se transmite "o pesar" á súa familia e achegados e achegadas e tamén "a toda a cidadanía que se atopa consternada por este grave e terrible acto".

Desde o Concello "continuamos a reclamar medidas efectivas e reais que atallen a violencia machista e as súas consecuencias".

Despois da concentración, tomou a palabra o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. Ao seu carón situáronse o voceiro do PP, Rafa Domínguez, e a concelleira socialista Carmen Hermo. Tamén asistiron unha ampla representación de concelleiros dos tres partidos.

Lores explicou que consideraron conveniente convocar esta concentración para condenar o asasinato e tamén reclamar "máxima axilidade á hora de esclarecer os feitos na súa totalidade". Tamén quixo manifestar que a Corporación de Pontevedra "estamos a favor sempre das vítimas".

O alcalde insistiu tamén en que "hai que dedicar esforzos por parte de todas as administracións para que esta lacra da violencia machista deixe de existir".