O Concello de Pontevedra iniciou xa os trámites para a cancelación de catro das súas contas en Novagalicia Banco. Así o desvelou este martes o concelleiro César Mosquera, quen asegurou que o goberno municipal está "consternado" ante as últimas noticias coñecidas sobre "o engano e a estafa" aos afectados por preferentes e subordinadas. Darase así cumprimento ao acordo plenario adoptado o pasado 7 de maio.
As catro contas que anulará o Concello de Pontevedra son aquelas que se poden cancelar "sen causar un grave trastorno" á cidadanía. Os trámites iniciáronse hai uns dez días e xa se comunicaron ás plataformas de afectados. Explicou que o maior problema co que se atoparon os servizos municipais foi buscar unha alternativa "que non lle cree problemas graves aos cidadáns".
Os detalles sobre que contas cancélanse e a cantidade de diñeiro que o goberno municipal depositara nelas coñeceranse este mércores.
En todo caso, Mosquera insistiu que "son as contas que se poden cancelar", xa que as restantes "causarían un trastorno monstruoso aos cidadáns" e crearían un problema de xestión dos recursos municipais, ao estar domiciliados nela, por exemplo, os pagos relativos ao padrón ou a diferentes impostos que cobra o Concello de Pontevedra.
Esta decisión é o segundo paso que toma o Concello de Pontevedra para cumprir con dito acordo plenario. O primeiro foi remitir unha carta a Novagalicia Banco para instarle a que devolvese o diñeiro de forma íntegra aos preto de 2.500 afectados por preferentes e subordinadas que viven en Pontevedra. A este respecto, o director xeral da entidade, Juan Díaz Arnau, contestou que era imposible debido ás limitacións impostas polo FROB e a Unión Europea.