Pontevedra, ante a emerxencia climática: "Non hai planeta B e estamos á beira do punto de non retorno"

Pontevedra
28 de setembro 2019

Centos de pontevedreses mostraron este venres a súa conciencia ambiental e, particularmente, a súa preocupación ante a situación de emerxencia climática que se vive no noso planeta. Fixérono secundando a manifestación que, convocada polo Movemento Galego polo Clima, percorreu as principais rúas de Pontevedra

Manifestación en Pontevedra pola emerxencia climática
Manifestación en Pontevedra pola emerxencia climática

Centos de pontevedreses mostraron este venres a súa conciencia ambiental e, particularmente, a súa preocupación ante a situación de emerxencia climática que se vive no noso planeta. Fixérono secundando a manifestación que, convocada polo Movemento Galego polo Clima, percorreu as principais rúas de Pontevedra.

Todos eles, na súa maioría mozos e mozas, saíron á rúa para apoiar a causa 'Fridays for Future', que reclama aos líderes mundiais que adopten medidas contundentes para loitar contra o cambio climático e evitar que sexa demasiado tarde para salvar o futuro das próximas xeracións.

"Se non actuamos hoxe non haberá mañá", "Alcemos a voz non o nivel do mar", "O tempo corre e os graos soben" ou "O momento de salvalo é agora" foron algunhas das consignas das pancartas dos participantes nesta marcha, que lembraron que "non temos un planeta B" e que se non o coidamos entre todos "non haberá futuro".

A manifestación, que partiu da Praza da Ferrería pouco despois das oito da tarde e finalizou coa lectura dun manifesto na Praza da Peregrina, contou ademais co apoio de organizacións sociais e ecoloxistas como Greenpeace ou APDR.

O manifesto do Movemento Galego polo Clima apunta que o planeta atravesa unha crise climática é que é "consecuencia directa" dunhas prácticas "depredadoras" dos recursos naturais e que, ao seu xuízo, afectan de maneira máis negativa ás poboacións "máis pobres e vulnerables" buscando manter un modelo produtivo baseado no crecemento continuo.

Esta "insustentable" situación provocou, engade este organismo, unha "extinción masiva" de especies, a contaminación dos océanos e ríos con plásticos, carencia de alimentos, que se arrasaron territorios, que se aumentou a emisión de CO2 ou que se gastaron de maneira "absurda" os recursos enerxéticos do planeta.

Tras décadas nas que se ignoraron os informes e advertencias dos científicos, reclaman un cambio "global" e que a sociedade internacional non permaneza "impasible" ante unha situación que vai camiño de ser "irreversible". Para iso, solicitan que se declare a emerxencia climática e se adopten compromisos "reais e vinculantes" para freala.