Pontevedra amplía a súa rede de aseos para persoas con ostomía con novos baños inclusivos no CIM e no Provincial

Pontevedra
03 de outubro 2022

A presidenta de ASSEII, Ángela Paz, visitou este luns a nova instalación da praza José Martí acompañada por usuarios da asociación e da concelleira de Igualdade, Yoya Blanco

O Centro de Información á Muller do Concello de Pontevedra estrea un aseo adaptado para pacientes ostomizados
O Centro de Información á Muller do Concello de Pontevedra estrea un aseo adaptado para pacientes ostomizados

A rede de aseos para persoas con ostomía suma un novo lugar. O Centro de Información á Muller do Concello de Pontevedra, situado na praza José Martí, inaugurou este luns este cuarto de baño específico. Un fito que desde ASSEII (Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais e Ostomizados) celebran porque supón un paso máis cara á plena inclusión dos pacientes.

"Seguimos en loita porque queremos que haxa baños para ostomizados e que se regulen dentro dá normativa de edificación, mentres non exista iso non serán obrigatorios", declarou a presidenta de ASSEII, Ángela Paz, tras a visita ao CIM na que estivo acompañda pola concelleira de Igualdade, Yoya Blanco; e os membros do colectivo Víctor Loira e Milagroz Paz.

A titular Igualdade explicou que a inauguración deste aseo serve para celebrar o Día Internacional das Persoas Ostomizadas, que tivo lugar o pasado 1 de outubro. "Pontevedra é pioneira e en cada obra do Concello estanse a facer baños inclusivos", destacou a socialista que puido comprobar esta mesma mañá a importancia deste tipo de aseos. "Víctor contounos hoxe que tivo un contratempo coa súa bolsa e vimos en vivo e en directo ou importante que é que haxa baños inclusivos".

A rede de aseos para persoas ostomizadas de España conta con 85 baños en todo o país, dos que 35 atópanse en Galicia e "Pontevedra leva a palma". Hai instalacións específicas no Pavillón dos Deportes, no Teatro Principal, no Concello, nun hostel e noutros moitos establecementos públicos, pero aínda así non son suficientes. "Hai 200.000 persoas en España que non saen á rúa por medo a que rompa a bolsa, necesitamos un espazo onde cambiarnos, non imos a moitas actividades como eventos deportivos ou espectáculos porque non temos aseos adaptados", denuncia a portavoz do colectivo.

Este tipo de aseos non só conta cun inodoro especial, requiren tamén un mesado e luz frontal permanente, sen temporizador ou sensor de movemento, para non dificultar a visión. "Necesitamos tranquilidade", engade Paz. Para iso están a repartir colgadoiros para as portas nos que informan que no interior atópase unha persoa con ostomía que precisa tempo para realizar as súas necesidades e evitar que o resto de usuarios estean a chamar á porta constantemente.

Doutra banda, ASSEII organiza o próximo 21 de outubro unha xornada no Salón de Actos do Hospital Montecelo no que están programadas charlas, conferencias e actividades con relatores chegados de países como Portugal ou Mexico para coñecer en profundidade as necesidades destes pacientes en diversos lugares do mundo. 

Do mesmo xeito, o Hospital Provincial de Pontevedra conta tamén desde este luns cun novo aseo adaptado para pacientes con estas doenzas na sala de espera de consultas externas do Hospital Provincial.

No ano 2017, o Hospital Montecelo converteuse no primeiro centro sanitario en instalar un baño totalmente adaptado para persoas ostomizadas. Actualmente, o complexo hospitalario conta con dúas destes servizos. No Hospital do Salnés tamén se instalou un no ano 2018 e a rede vese agora incrementada cun aseo no Provincial.