A indignación social tras coñecerse a sentenza contra "La Manada", o grupo de amigos que foi condenado a nove anos de prisión por abusar sexualmente dunha moza de 18 anos nas festas de San Fermín de 2016 -e non por violación-, segue crecendo.
Tras as concentracións de protesta que se sucederon por todo o país ou as numerosas declaracións de personalidades públicas rexeitando o contido deste fallo xudicial e instando a un cambio do Código Penal, unha nova acción na rúa sorprendeu este sábado aos pontevedreses.
A cidade amenceu chea de carteis coas caras dos cinco mozos sevillanos.
Trátase dunha iniciativa, que non foi reivindicada por ningún colectivo, que busca que toda a cidadanía coñeza o rostro dos membros de "La Manada".
As súas caras e os seus nomes figuran nos carteis que, tanto en castelán como en galego, denuncia que os cinco amigos "son violadores e o Estado permíteo".
Os carteis suscitaron numerosa curiosidade entre os cidadáns, ao estar colocados en lugares moi céntricos da Boa Vila e nun número considerable.