Pontevedra agarda da Xunta un proxecto "serio e formal" para comarcalizar os bombeiros

Pontevedra
31 de outubro 2017

A posible comarcalización dos bombeiros de Pontevedra volve estar sobre a mesa, tras anunciar a Xunta de Galicia que iniciará "de inmediato" as negociacións con outras administracións para que os parques das sete grandes cidades cubran tamén emerxencias nos concellos da súa área de influencia

Alfonso Rueda e Miguel Anxo Fernández Lores, no Concello de Pontevedra
Alfonso Rueda e Miguel Anxo Fernández Lores, no Concello de Pontevedra / Mónica Patxot

A posible comarcalización dos bombeiros de Pontevedra volve estar sobre a mesa, tras anunciar a Xunta de Galicia que iniciará "de inmediato" as negociacións con outras administracións para que os parques das sete grandes cidades cubran tamén emerxencias nos concellos da súa área de influencia.

No caso pontevedrés, advertiu Carme da Silva, o goberno municipal estudará esta posibilidade no momento no que desde o goberno galego remitan a Pontevedra un proxecto "serio e formal" sobre esta materia.

A responsable municipal de emerxencias lembrou que o Concello sempre se mostrou disposto a comarcalizar o parque, pero se hai un financiamento adecuado na que se impliquen todas as administracións. Pontevedra, reiterou, non asumirá o custo dun parque comarcal "en exclusiva".

A este respecto, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que, na reunión convocada en Santiago coas deputacións e a Fegamp, o goberno galego busca traballar "rápido" para solucionar os problemas que expón o actual mapa de emerxencias. Espera que, de cara o próximo ano, haxa "avances importantes" neste asunto.

Para aumentar a cobertura das emerxencias en todo o territorio galego, dixo, debe haber dúas cousas: vontade política e o correspondente respaldo orzamentario.

Así, Rueda asegurou que a Xunta "vai a seguir colaborando" como ata agora cos consorcios provinciais, os GES ou as agrupacións de Protección Civil e aposta por "pechar o círculo" coa comarcalización dos parques das grandes cidades, entre eles os de Pontevedra e Vigo.

A Xunta, engadiu, está "disposta" a achegar o seu parte no financiamento destes parques comarcais "desde o 1 de xaneiro", ao incluír unha partida de 1,7 millóns nos orzamentos de 2018 para este fin. "Agardo que as deputacións e os concellos estean tamén dispostos a poñer a súa parte", sinalou o vicepresidente galego.

Así, o parque de Pontevedra daría servizo a todos os concellos "dentro das zonas de isocronas" que marca a normativa. Para iso, dixo, á Xunta "nos consta" a disposición do Concello de Pontevedra, pero aínda descoñecen se a Deputación implicarase no seu financiamento. "Espero que cheguemos a un acordo relativamente rápido", destacou Rueda.

Unha vez haxa un acordo a nivel galego, segundo Alfonso Rueda, en cada provincia axustarase este plan "sobre o terreo", analizando a presenza dos parques comarcais ou os GES que xa están en activo. Iso si, baixo a premisa de que a comarcalización dos parques de Pontevedra e Vigo, sería "fundamental" para dar mellor servizo a toda a provincia "de forma inmediata".

CARMELA SILVA

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, criticou a "falta de respecto á autonomía local" que, ao seu xuízo, demostra o vicepresidente da Xunta ao facer propostas sobre os parques de bombeiros de Pontevedra e Vigo "sen consultar" aos seus respectivos alcaldes.

Carmela Silva tamén sinalou que "é falso" que a comarcalización dos parques forme parte da orde do día da reunión coa Xunta na que o obxectivo é constituír o grupo de traballo, marcar o seu funcionamento e poñer sobre a mesa os temas para ter en consideración para "cambiar o modelo de emerxencias en Galicia", tal e como lle solicitou a Deputación.