Dentro do Plan de Reactivación Económica 'Supera' que puxo en marcha o Concello de Pontevedra, a voceira do goberno local, Anabel Gulías, presentaba novas medidas de apoio a aqueles veciños que están vendo afectada a súa economía por mor da situación sanitaria.
O Concello confirmou o adiamento do pago das taxas de lixo-auga-saneamento e do imposto sobre vehículos de tracción mecánica.
Na primeira destas taxas, que comunmente se coñece como recibo da auga, vanse poder atrasar os pagos dos primeiros bimestres do ano ata o 10 de setembro. Trátase dunha medida que se aplicará só aos domicilios que así o soliciten "porque na primeira parte da pandemia, cando se adiaron estas taxas, houbo xente que si nos manifestou a súa intención de pagar nos prazos establecidos", apuntaba Anabel Gulías.
O sistema que hai que seguir para poder acollerse a este adiamento do pago é chamar á oficina de Viaqua en Pontevedra no teléfono 986 863 335 ou a través da centraliña para toda Galicia 900 201 230.
Dado que o cobro do recibo da auga do primeiro bimestre realízase no presente mes de marzo, dende o Concello insisten en que aqueles cidadáns que necesiten atrasar esta primera bimensualidade de 2021 deben chamar nesta mesma semana para evitar que se lles realice o cobro.
En canto ao imposto sobre vehículos de tracción mecánica (IVTM), o coñecido como viñeta, para o que correspondería o inicio do cobro de recibos a partir do 6 de maio, os cidadáns que o necesiten poden solicitar aprazar o pago ata o 7 de agosto.
No caso deste imposto de vehículos hai dúas situacións: pago sen domiciliación e pago domiciliado.
No primeiro caso, o correspondente ao denominado pago voluntario, o prazo que inicialmente estaba determinado para este 2021 era do 6 de maio ata o 7 de xuño. Quen necesite adiar este pago, non terá que facer ningún tipo de solicitude, tan só facer o pago entre o 6 de maio e o 7 de agosto.
No segundo caso, o dos recibos domiciliados, terá que ser o propio cidadán o que se poña en contacto co seu banco para indicarlle en que data autoriza que se realice o pago, sempre tendo en conta que o prazo límite é o 7 de agosto.
Estas medidas son para todos os cidadáns xa que, como indica a voceira do Goberno local, Anabel Gulías, o Concello de Pontevedra plantea este plan "de xeito global, non por sectores económicos, senón tendo en conta a toda a veciñanza que se viu afectada pola situación económica derivada da pandemia, que no caso de moitas familias deixou sen emprego a todos os seus membros".
Con todo, a voceira municipal adiantou que si haberá actuacións en sectores concretos, como é o caso da hostalería, para o que o Plan de Reactivación Económica prevé pasar o cobro dos veladores e terrazas a despois do verán cunha redución significativa que contemplará os tempos de interrupción da actividade, así como a diminución do número de mesas nas terrazas.
Ata que non remate o primeiro semestre do ano non se concretará esta medida, en función de como evolucione a pandemia e para avaliar o impacto das diferentes restricións marcadas polas autoridades sanitarias que afectan directamente á actividade hostaleira.