Pontevedra acumula xa medio ano de descenso do paro. Por sexto mes consecutivo, o número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego diminuíu en agosto. Neste caso, en 1.128 persoas.
Segundo as cifras facilitadas este martes polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social, a provincia de Pontevedra pechou o mes con 101.641 parados, un 1,10 por cento menos que en xullo.
Os datos tamén son positivos con respecto ao mes de agosto de 2012, cando había 101.718 pontevedreses desempregados, 77 menos que este ano. O ano pasado en agosto tamén baixaron as estatísticas, con 973 parados menos neste mes central do verán.
A orixe deste descenso está, en especial, nos sectores da construción e os servizos. Así, por sectores de actividade, o da construción foi o que botou datos máis positivos, con 353 parados menos, aínda que os desempregados seguen sendo 14.877.
Por sectores, a construción foi o que botou datos máis positivos, con 353 parados menos
O sector servizos é o que rexistra un maior número de parados, 58.727 persoas. En agosto foi o segundo sector con máis descenso do desemprego, con 136 persoas menos. Na industria descendeu o número de parados en 120 persoas e na agricultura en 61.
Por sexos, os homes foron os máis beneficiados polo descenso do paro. Na provincia pechouse agosto con 48.272 desempregados, 894 menos que en xullo. En canto ás mulleres, seguen sendo máis, 53.369, e a baixada foi menor, con 234 paradas menos.
En Galicia a cifra de parados reduciuse en 3.578, de tal forma que hai 257.524 galegos desempregados, un 1,37% menos que en xullo. En relación con xullo de 2012, as cifras de agosto implican un incremento das estatísticas galegas en 257 persoas.
A nivel estatal, o número de parados rexistrados diminuíu por primeira vez dende o ano 2000. Fai 13 agostos descendeu en 4.297 persoas e este 2013 a redución foi de 31 persoas. Agosto converteuse no sexto mes de descenso do paro e, segundo o Ministerio de Emprego e Seguridade Social, sitúa a cifra de desempregados en España en 4.698.783.
O Ministerio de Emprego tamén fixo público este martes o número de afiliados á Seguridade Social. No último ano descenderon en Pontevedra en 10.433 persoas, pero o último mes a cifra foi positiva. En agosto déronse de alta 421 cotizantes con respecto a xullo. De todos os xeitos, foi a provincia galega con menos incremento.