Pontevedra acollerá un proxecto "revolucionario" sobre economía ecolóxica

Os investigadores Mario Pansera e Brais Suárez, que levan case dous anos traballando no marco de investigación da Universidade de Vigo, e o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores presentaron durante ese 2 de abril o proxecto 'Postgrowth SA Pontevedra' que responderá a cuestións sobre a economía ecolóxica e o postcrecemento para que, en palabras de Pansera, mellore a calidade de vida sen esa "obsesión por medrar"

Presentación de 'Postgrowth SA Pontevedra'
Presentación de 'Postgrowth SA Pontevedra'

Os investigadores Mario Pansera e Brais Suárez, que levan case dous anos traballando no marco de investigación da Universidade de Vigo, e o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores presentaron durante este 2 de abril o proxecto 'Postgrowth SA Pontevedra'que responderá a cuestións sobre a economía ecolóxica e o postcrecemento para que, en palabras de Pansera, mellore a calidade de vida sen esa "obsesión por medrar".

A iniciativa, impulsada por Suárez e apoiada polo equipo de Pansera, terá lugar do 18 ao 24 de xuño de 2024 na cidade de Pontevedra, o lugar que Pansera considera como "ideal" por ser "un exemplo" de xeración de espazo urbano nos útimos vinte anos. 

Segundo os investigadores, este proxecto de ciencia cidadá, que leva dez congresos ás súas costas en cidades de todo o mundo, conta con dous grandes bloques. Durante este ano, levarase a cabo unha investigación da que o alumnado dos institutos da cidade será o protagonista. "O obxectivo é achegar conceptos complexos ao alumnado", explica Suárez. Ao respecto, aclara que a idea non é a "divulgación en si mesma" senón convertir o estudantado "en científicos e científicas" a través do uso de métodos e metoloxías que se empregan habitualmente nas Ciencias Sociais.

O 24 de xuño terá lugar unha xuntanza, segundo Pansera  "entre 500 e 1.000 persoas", na que a Sociedade Europea de Economía Ecolóxica e o Grupo Internacional de estudos sobre o Decrecemento e o Postcrecemento se unirán para resolver cuestións relativas ao rol da innovación na transición ecolóxica. 

A conferencia rematará co 'Espazo Xove', onde o alumnado e a comunidade educativa interactuarán coa "elite da investigación sobre transición ecolóxica dos ámbitos das ciencias económicas e sociais de Europa en xeral pero tamén de todo o mundo", aclara Suárez.

Tratar este tipo de cuestións é importante porque "temos que vivir nos límites do planeta, que é finito", lembra Pansera. Critica que a economía convencional predique que o crecemento do PIB implica unha mellora do benestar, un pensamento que tilda de erróneo. 

Pansera califica de "idea rompedora e revolucionaria" este proxecto e incide na importancia de poñer en valor o coñecemento da cidadanía, que é a base de 'Postgrowth SA Pontevedra' . "O coñecemento dos nosos avós, dos nosos pais… é un coñecemento que se desprecia porque pensamos que o único que vale é o coñecemento experto, o das universidades".

Lores confesa estar "encantado" coa elección da cidade pontevedresa para a súa celebración porque está convencido de que a calidade de vida pode mellorar sen necesidade de aplicar "tecnoloxías carísimas" ou "irlle ao bolsillo aos cidadáns". O proxecto "acaba de arrancar" e están a preparar o programa de actividades que se levarán a cabo e que se coñecerán proximamente.