Pontevedra acollerá por primeira vez a Final Autonómica de Clipmetraxes de Manos Unidas

Pontevedra
05 de abril 2016

A cita será o próximo 8 de abril no IES Sánchez Cantón ás 18.00 horas. Alí, coñecerase o nome dos finalistas autonómicos que se enfrontarán ao xurado a nivel nacional. Esta é a VII Edición do Festival de Clipmetraxes, vídeos dun minuto para cambiar o mundo

María Luisa Fernández, delegada de Manos Unidas en Pontevedra
María Luisa Fernández, delegada de Manos Unidas en Pontevedra / Mónica Patxot
Como propongo eu un mundo novo /

Manos Unidas celebra xa a VII Edición do Festival de Clipmetraxes, vídeos dun minuto de duración cos que escolares e maiores de idade tentan cambiar o mundo. Pontevedra acollerá, por primeira vez, este festival a nivel autonómico.

Ás 18.00 horas do próximo día 8 de abril, o paraninfo do IES Sánchez Cantónabrirá as súas portas para recibir aos máis de 50 finalistas de toda Galicia na categoría escolar. Ademais, os asistentes poderán gozar da actuación de tres grupos da Cámara do Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga.

María Luisa Fernández, delegada da sede na cidade do Lérez, desbordaba de alegría durante a mañá deste martes, ao presentar esta cita. Así, manifestou que este festival constitúe unha "manera de llamar la atención de los jóvenes".  Para ela, trátase dunha "herramienta para que se expresen, denuncien y digan lo que esperan que hagamos"

De Pontevedra participaron un total do cinco colexios: o IES Vale Inclán, o IES Frei Martín Sarmiento, o Colexio Internacional Sek Atlántico e o IES Sánchez Cantón. Todos eles tiveron que enfrontarse a 'O desafío da fame: Consumo e desperdicio de alimentos', plasmando ese tema nunha clipmetraxe.

O xurado, que valorou os traballos presentados, compóñeno persoas vinculadas á delegación de Manos Unidas de Pontevedra e á propia cidade: Ramiro Bahamonde Magariños, actor; Miguel Anxo Fernández, crítico de cinema; Nani Palomo, educadora e profesora de relixión; e Juan de Soa, xornalista especializado en comunicación para o desenvolvemento social. 

Ramiro Bahamonde acompañou na presentación á delegada de Manos Unidas. Para el, houbo un "nivel técnico espectacular inimaxinable, co que demostran un gran poder de concreción da problemática ao redor do tema que se trataba". Tamén destacou especialmente a "falta de consideración social cara á importancia que teñen os alimentos", que mostran os vídeos.

De entre os 52 finalistas de secundaria, só un pasará á final nacional xunto cos tres participantes de primaria. A maiores, tamén se presentará o premio ao clipmetraje máis votado a nivel autonómico e á categoría xeral, que se baterá cos finalistas das demais 16 comunidades autónomas de España.  

Todos os gañadores recibirán un recoñecemento por parte da Delegación de Mans Unidas en Pontevedra e do Concello, que colabora, xunto coa Deputación, nesta iniciativa. Aínda que o verdadeiro premio deste festival para os mozos, segundo María Luisa Fernández, é conseguir que mostren "esa capacidade, esa voz, de dicir como propoño eu un mundo novo, un mundo diferente".