Pontevedra acollerá en 2025 un congreso sobre desprazamento activo, saudable e sostible

Pontevedra
02 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

A Boa Vila susbtituirá ao municipio chileno de Valparaiso, que acolleu a primeira edición dun evento que busca traballar por impulsar cidades máis sostibles e con desprazamentos peonís, relacionando esa mobilidade coa saúde e a loita contra o cambio climático

Encontro entre o alcalde e o profesor chileno Otto Lührs Middleton
Encontro entre o alcalde e o profesor chileno Otto Lührs Middleton / Mónica Patxot

A cidade de Pontevedra será a sede do segundo congreso da rede iberoamericana de investigación en desprazamento activo, saudable e sostible (RIIDASS). Celebrarase entre o Teatro Principal e a Facultade de Ciencias da Educación os días 9, 10 e 11 de abril de 2025.

A Boa Vila susbtituirá ao municipio chileno de Valparaiso, que acolleu a primeira edición dun evento que busca traballar por impulsar cidades máis sostibles e con desprazamentos peonís, relacionando esa mobilidade coa saúde e a loita contra o cambio climático.

Un dos seus impulsores, o profesor Otto Lührs Middleton, do Instituto de Ciencias da Educación da Universidade Austral de Chile, subliñou que o espazo público de Pontevedra "es un escenario espectacular" para investigar sobre esta materia.

Foi precisamente a súa estancia en Pontevedra, alá polo ano 2019 xunto coa a súa muller e ao seu fillo de 4 anos, a orixe da súa inquietude "por conocer, comprender e indagar" no proceso de cambio das cidades "porque nos dimos cuenta de que había una forma diferente de vivir".

"Nuestro hijo jugaba lejos de nosotros y pensé cómo era que estábamos tan tranquilos. Esto no pasa en nuestra ciudad. Fue triste constatar que nos sentíamos mejor aquí que en nuestra ciudad de origen", explicou o organizador deste congreso.

A intención deste foro é que Pontevedra "no solo sea el lugar que sostenga el congreso", segundo Otto Lührs, senón que "se haga parte del congreso impactando en sus encuentros", servindo para investigar e "marcar el camino" para atopar respostas a estes retos globais.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou que "estamos encantados" de recibir á rede RIIDASS na cidade, á que acudirán unhas duascentas persoas para participar neste congreso.

Fernández Lores celebrou que Pontevedra siga sendo, 25 anos despois, un modelo de "por onde deben ir as cousas" e sirva como exemplo para que as cidades avancen cara á sustentabilidade e cara á mellora da calidade de vida dos cidadáns.