O auditorio da sede de Afundación en Pontevedra acollerá o venres, a partires das 20.00 horas, o primeiro pase na cidade do documental "El Proxeneta", seguido dun coloquio coa súa directora, a recoñecida actriz, presentadora e activista antiprostitución Mabel Lozano.
A actividade, impulsada pola Concellería de Igualdade, que xestiona a socialista Paloma Castro, en colaboración do Colectivo Feminista, enmárcase nos actos de conmemoración do 23 de setembro, Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Persoas.
A iniciativa foi presentada este martes no Concello pola propia edil do PSOE, que compareceu acompañada pola tesoureira do Colectivo Feminista de Pontevedra, Cynthia Piña, e a directora do Centro de Información á Muller (CIM), Rosa Campos. Tal e como explicou Paloma Castro, "o Día Mundial contra a Explotación Sexual vense celebrando dende o ano 99 e a súa orixe débese a que o 23 de setembro promulgouse en Arxentina a primeira lei en todo o mundo contra a prostitución infantil, a denominada Ley Palacios, do deputado socialista Alfredo Palacios".
Segundo sinalou Paloma Castro, o debate que terá lugar trala estrea do documental será aberto ao público e contará, ademais de con Mabel Lozano e Paloma Castro, coa participación da presidenta da Deputación, Carmela Silva, e dunha representante do Colectivo Feminista. A entrada no auditorio de Afundación para este evento será de balde, ata encher aforo.
"O documental narra por primeira vez a verdadeira historia de todo o que hai detrás da prostitución -avanza Castro-, da man dun proxeneta que conta a evolución deste negocio no noso país dende os anos 90. Foi nesa época cando se comezou a secuestrar a mulleres que saían dos seus países en busca dunha vida mellor. A prostitución é un negocio millonario para os proxenetas e un xeito de escravitude para as mulleres, que acontece con total impunidade".
Para a concelleira de Igualdade, esta terrible realidade "non é, como se inventaron moitos homes para xustificarse, a profesión máis antiga do mundo, senón un atentado contra a dignidade das mulleres e unha violación de dereitos humáns que debe ser abolida".
Segundo asegurou Cynthia Piña, ao Colectivo Feminista se lle acusa en moitas ocasións de estar en contra das prostitutas, cando, moi ao contrario, está da súa parte e busca que "non se lles continúe a violar".
"Invito a todas e todos a que veñan a ver o documental cun amigo deses que vos tentan convencer de que hai mulleres que se prostitúen por vontade propia e non por causas económicas. Que o vexa e veremos que pensa despois", apuntou.