Dende este venres e durante toda a fin de semana celébrase no Pazo da Cultura de Pontevedra o terceiro Congreso Veterinario do Noroeste dedicado á especialidade de xeriatría en pequenos animais organizado polo Colexio Oficial de Veterinarios de Pontevedra e no cal participan relatores de recoñecido prestixio internacional procedentes de Arxentina, Francia, Portugal e España.
O presidente do colexio pontevedrés, Luis Núñez, e o representante do Servizo Galego de Veterinarios (Sergave), Alicio Ferradás, foron recibidos no Concello de Pontevedra polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores e a deputada provincial, Ana Isabel Vázquez. Ambas as dúas entidades colaboran nesta cita congresual.
Sobre o tema elixido para a cita deste ano, a xeriatría veterinaria, comentaron que esta especialidade adquiriu unha grande importancia nos últimos tempos, pois as mascotas cada vez viven máis e así pódese establecer que a idade media dos cans aumentou case en dous anos nas dúas últimas décadas, o cal fai que os veterinarios cada vez se encontren con máis animais xeriátricos.
Neste congreso abórdanse unha serie de procesos que son relativamente habituais nos animais de compañía xeriátricos. A maioría destas enfermidades non aparecen de pronto senón que vanse ir xerando pouco a pouco. Os órganos van compensando mentres poden e chega un momento no que se manifesta a sintomatoloxía.
A idade media dos cans aumentou case en dous anos nas dúas últimas décadas
Dende que aparecen os síntomas da enfermidade ata que o propietario contacta co seu veterinario tamén pasa un tempo e así moitas veces chegan os animais á consulta cun problema bastante severo que puidese curarse de collelo a tempo ou, polo menos, ter freado o seu avance por iso é moi importante a realización de revisións xeriátricas a partir dos 7-8 anos de idade no caso de cans e gatos.
O modelo de congreso é similar ao que realiza en febreiro un dos partners do congreso, o Hospital Veterinario de Montenegro de Oporto, é dicir, o primeiro día con talleres monográficos para grupos reducidos e os 2 días seguintes un congreso xeralista, cun programa único, con relatores de primeira orde.
Os inscritos este ano entre os talleres e congreso superan os 370 profesionais, provenientes de toda España e Portugal, o cal xa asegura un éxito de participación.