Un total de 79 persoas abandonaron as listas de desemprego na cidade de Pontevedra no mes de agosto, segundo os datos de paro rexistrado desvelados este mércores pola Consellería de Traballo e Benestar. En total, son 7.021 pontevedreses os que se manteñen como demandantes activos de emprego, un 1,11% menos que no mes de xullo.
En termos interanuais, o paro descendeu en Pontevedra en 744 persoas. En agosto de 2014, figuraban nas listas do servizo público de emprego 7.765 persoas, un 10,59% máis que na actualidade.
Co mercado laboral animado aínda, sen dúbida ningunha, pola contratación temporal estival no sector turístico e hoteleiro, a tónica xeral nas comarcas de Pontevedra, Caldas, O Salnés e O Morrazo é de descenso no número de desempregados, máis acusado nas localidades máis vinculadas ao turismo. Non obstante, aumenta o paro en varios municipios como Caldas de Reis, Marín, Moraña ou Portas.
Agosto 2015 | Xullo 2015 | Variación | |
Pontevedra | 7.021 | 7.100 | -79 (-1,11%) |
Barro | 340 | 338 | 2 (-0,59%) |
Bueu | 848 | 877 | -29 (-3,30%) |
Caldas de Reis | 915 | 903 | 12 (1,32%) |
Cambados | 1.203 | 1.222 | -19 (-1,55%) |
Campo Lameiro | 177 | 180 | -3 (-1,66%) |
Cotobade | 366 | 366 | 0 (0%) |
Cuntis | 447 | 456 | -9 (-1,97%) |
O Grove | 615 | 666 | -49 (-7,65%) |
A Illa de Arousa | 297 | 308 | -11 (-3,57%) |
A Lama | 207 | 215 | -8 (-3,72%) |
Marín | 2.057 | 2.027 | 30 (-1,48%) |
Meaño | 371 | 372 | -1 (-0,26%) |
Meis | 416 | 410 | 6 (1,46%) |
Moraña | 440 | 430 | 10 (2,32%) |
Poio | 1.215 | 1.249 | -34 (-2,72%) |
Ponte Caldelas | 592 | 611 | -19 (-3,10%) |
Portas | 291 | 272 | 19 (6,98%) |
Ribadumia | 381 | 398 | -17 (-4,27%) |
Sanxenxo | 930 | 950 | -20 (-2,10%) |
Vilaboa | 511 | 545 | -34 (-6,23%) |
Vilagarcía de Arousa | 4.090 | 4.181 | -91 (-2,17%) |
Vilanova de Arousa | 909 | 974 | -65 (-6,67%) |
DATOS PROVINCIAIS
Pontevedra levou a contra, este mes de agosto, á tendencia negativa que levaron os datos de desemprego no conxunto do territorio nacional. Mentres que o paro creceu en España durante o último mes, na provincia pontevedresa -ao igual que no resto de Galicia- rexistrouse un lixeiro descenso. En concreto, 918 persoas encontraron emprego en agosto situando o número de desempregados en 84.975.
Segundo os datos que fixo públicos o Ministerio de Emprego e Seguridade Social este mércores, trátase dun descenso do 1,07% con respecto ao mes de xullo. Moito máis acusado é o descenso interanual, xa que hai xusto un ano había 10.871 demandantes de emprego máis (un 11,34%) que na actualidade. Pontevedra é a provincia galega con mellores datos nesta última estatística.
Por sectores, o mellor comportamento neste mes de agosto foi do sector servizos con 661 parados menos. Pola súa parte, a industria e a construción contan con 89 e 43 demandantes de emprego menos, respectivamente; mentres que na agricultura tan só se reduciu o desemprego en 27 persoas. Por último, 98 pontevedreses sen emprego anterior encontraron traballo en agosto.
En canto aos contratos, no mes de agosto asináronse en Pontevedra un total de 28.368. De todos eles, 1.273 foron indefinidos e 27.095, temporais.
En Galicia, por outra parte o paro rexistrado reduciuse en 2.639 persoas no mes de agosto, un 1,22 por cento, mentres que aumentou no conxunto do Estado, en 21.679 persoas, un 0,54 por cento, segundo o Ministerio de Emprego e Seguridade Social. O mes de referencia concluíu en Galicia, polo tanto, con 213.732 traballadores inscritos nos servizos de demanda de emprego.