O patrimonio histórico e artístico de Pontevedra é indubidable. Rúas, prazas e edificios -públicos ou privados- están cheos de tesouros dos que poder presumir. Pero a cidade ten tamén unha herdanza monumental "invisible", lugares que habitualmente están pechados ao público ou que contan con recunchos descoñecidos para os cidadáns.
Por iso é polo que o Concello organizou a Semana do Patrimonio Invisible, un ciclo de visitas guiadas por cinco destes espazos, que se desenvolverán entre os días 16 e 18 de xullo.
"O que non coñecemos non se valora", sinalou na súa presentación o edil de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, que explicou que o obxectivo deste programa é "poñer en valor" todo este "patrimonio oculto" que hai na cidade.
Todas estas visitas permitirá ao público entrar nos cinco lugares elixidos acompañado de profesionais que achegarán ao percorrido unha narrativa "cargada de valor histórico".
Tres destes "tesouros invisibles" do patrimonio pontevedrés, o Pazo de Mugartegui, Villa Pilar ou o cemiterio de San Amaro, son lugares "que poden ser visitados normalmente", pero os asistentes a esta visita guiada poderán descubrir "zonas descoñecidas", sinalou Moreda.
Iso si, a "xoia da coroa" desta iniciativa será a posibilidade de entrar no convento de Santa Clara, un centro de clausura que poucos puideron ver por dentro, visitas que se concentrarán nun único día, o 17 de xullo. O ciclo completarase co colexio Sagrado Corazón de Praceres.
Os interesados en participar nesta actividade, segundo sinalou o seu organizador, César Abella, deberán inscribirse previamente a través da web www.patrimonioinvisible.gal.
Haberá un máximo de quince persoas por visita e as reservas, que se poderán realizar desde mañá venres, limitaranse a un tope de tres por cada solicitante.
A intención dos organizadores é que este ciclo teña continuidade e, en próximas edicións, se poidan visitar outros espazos que quedaron fóra nesta ocasión por diferentes motivos, entre eles a situación sanitaria creada pola COVID-19.