Xaneiro, un mes tradicionalmente negativo para os datos do paro, nesta ocasión non o foi tanto. A cidade de Pontevedra logrou reducir as listas de desemprego neste arranque de 2021. Fíxoo nun total de 198 persoas.
Así o acreditan os datos que publicou este martes a Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que sitúan o número de parados en 6.022 pontevedreses, fronte aos 6.220 que figuraban como demandantes de emprego en decembro.
A maior parte dos desempregados, como era de esperar, rexístranse no sector servizos (4.360), mentres que 557 son da industria, 479 da construción e 146 da agricultura. Os parados sen emprego anterior, pola súa banda, son 480.
A pesar desta boa evolución no último mes, o certo é que a crise da covid-19 aínda se nota na cidade. Hai xusto un ano, en xaneiro de 2020, os desempregados na Boa Vila eran 5.598. É dicir, tiñan traballo 424 persoas máis que agora.
O descenso nas cifras de desemprego neste mes de xaneiro foi xeneralizado en todos os municipios do ámbito de influencia de Pontevedra. Con todo, houbo excepcións.
Vilagarcía, Marín ou Bueu encabezan a lista dos municipios onde máis baixou o paro con respecto ao mes anterior, mentres que creceu en seis. Os que máis, Cerdedo-Cotobade e Cambados, segundo as estatísticas oficiais.
Pontevedra, nos datos globais da provincia, rexistrou un notable descenso do desemprego en xaneiro. En concreto, ten 1.522 parados menos (-2,8%) que o mes anterior. Son, en total, 71.608 os demandantes de emprego nas Rías Baixas.
Con respecto a hai un ano, con todo, hai 5.904 parados máis.
Segundo os datos dos servizos públicos de emprego, todos os sectores de actividade na provincia lograron, en maior ou menor medida, reducir os seus índices de desemprego.
Así, por esta orde, o mellor comportamento foi para o colectivo sen emprego anterior (-603), o sector servizos (-365), a industria (-305), a agricultura (-178) e a construción (-171).
Durante o mes de xaneiro asináronse na provincia 24.631 novos contratos. Deles, tan só 2.133 (un 8,65%) foron de carácter indefinido. O resto, 24.631, foron temporais.
GALICIA, A COMUNIDADE NA QUE MÁIS BAIXA O PARO
Neste mes de xaneiro, Galicia foi a comunidade que foi ao contraxeito do aumento xeneralizado do desemprego. Logrou reducir as súas listas do paro en 3.603 persoas. É, xunto con Baleares e Ceuta, as únicas rexións nas que descenden estes rexistros.
Galicia conta actualmente cun total de 185.984 desempregados. Son 18.229 (un 10,87% máis) que en xaneiro de 2020, antes de que a pandemia provocase a crise económica actual.
No conxunto nacional, segundo o Ministerio de Traballo e Economía Social, o paro rexistrado ao finalizar xaneiro subiu en 76.216 persoas respecto ao mes anterior. Esta cifra sitúa o número de desempregados en España nun total de 3.964.353 persoas.
A pesar deste dato, desde o Goberno, sinalan que desde 2008 é o cuarto menor incremento que se rexistra en xaneiro, un mes sempre negativo para as contratacións.
Xunto con esta cifra de desempregados, o mercado laboral conta nestes momentos cunhas 739.000 persoas en situación temporal de ERTE, segundo os datos do propio Servizo Público de Emprego Estatal.