As xentes de Pontevedra retoman as súas rutinas nas rúas e prazas da cidade neste tempo de desescalada. A progresiva remisión da pandemia do coronavirus devolve estes días ao imaxinario colectivo unha sensación xa vivida de recuperación do espazo público. Hai vinte anos que a cidade fora devolta para uso e goce das persoas, nunha peonalización admirada máis aló das nosas fronteiras.
Nunha cidade pensada para as persoas e que convida a paseala, os máis de dous meses de confinamento levan a preguntármonos ata que punto esta situación implicará un retroceso na conquista do espazo público ou unha oportunidade para revitalizalo.
Co reto de continuar na construción dunha cidade sostible, que permita afrontar a crise da Covid-19 e as súas consecuencias na global do clima, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, participaba recentemente nun encontro telemático promovido pola fundación Climate Reality Project, impulsada por Al Gore, o ex vicepresidente dos Estados Unidos e Premio Nobel da Paz, e no que compartiu debate co alcalde de Vitoria, Gorka Urtaran, e a arquitecta e profesora de Harvard, Belinda Tato.
O alcalde defendía o modelo de cidade amable, de hábitat saudable deseñado de forma integral "para as persoas" e que pasa por realizar "un cambio de prioridades e de paradigma onde se reduza o uso privado da urbe" para afrontar os retos da emerxencia sanitaria e climática.
PREMIO INTERNACIONAL PARA UNHA CIDADE QUE COIDA O LOCAL
O modelo de Pontevedra como referente rexorde con forza na actual ‘volta á normalidade’ dunha vila pensada para fomentar os desprazamentos a pé ou bicicleta, grazas ás boas prácticas de mobilidade sostible que se están a desenvolver desde o Concello de Pontevedra, tal e como destacaba o xurado do Premio de Seguridade Viaria Urbana (Urban Road Safety Award), outorgado recentemente pola Comisión Europea á cidade do Lérez.
O alcalde lembra a importancia deste premio nun momento no que a cidadanía está a ser tamén exemplo de boas prácticas na presente crise sanitaria "pola facilidade que teñen os pontevedreses para cumprir as normas despois deste confinamento".
Con estas actuacións, a cidade volve a ser referente mundial na recuperación dos espazos cidadáns.
De feito, o xurado europeo manifestaba a súa admiración polo fomento dunha mobilidade pensada no benestar das persoas, ata tal punto que declaraba quedar "impresionado" por unha ampla gama de medidas, incluída a redución dos límites de velocidade a 10 e a 30 km/h, e a creación de máis espazos públicos atractivos para os peóns.
'ZONA 30' E 'ZONA 10'
Cunha chapa na lapela decorada cun sinal de limitación de velocidade a 30 km/h, Matthew Baldwin, o subdirector xeral de Mobilidade e coordinador de Transporte para a Seguridade Viaria e Mobilidade Sostible da Comisión Europea, daba pistas sobre o proxecto urbano que fora elixido polo organismo da Unión Europea como merecedor do galardón. Unha chiscadela á cidade de Pontevedra acompañada dun xesto de complicidade e admiración, ao sinalar co dedo a súa chapa en alusión á regulación de 30 quilómetros por hora que rexe en parte do espazo urbano. Pódese ver a partir do minuto 1 e 38 segundos do vídeo.
EFECTO PO2 FRONTE AO CO2
O modelo de cidade é un proxecto vivo que non só afecta a espazos físicos, senón que entronca coa calidade de vida das súas xentes e a súa contribución a un mundo mellor. É por iso que baixo o lema ‘Pensa globalmente, actúa localmente’ a Concellaría de Promoción da Cidade fará da loita contra o cambio climático unha das súas principais liñas de traballo neste mandato.
É un proxecto compartido por todo o goberno municipal, tal e como lembraba o alcalde na declaración de intencións ‘Efecto PO2. Medicina preventiva’ publicado enPontevedraViva: "Pontevedra leva moito traballo feito e quere seguir sendo pioneira na loita contra o cambio climático".
A concelleira responsable da área, Anabel Gulías, manifesta que chegou o momento de "vincular a imaxe de Pontevedra coa súa transformación urbana e a revolución ecolóxica que supuxo coa aposta pola loita pola emerxencia climática, que hoxe está en boca de todos". Recorda, así mesmo, que no momento en que Pontevedra impulsaba o seu modelo de cidade "non era un debate que se tiña" e que agora cómpre dar un paso máis e reivindicar a Pontevedra como protagonista do movemento polo clima porque "isto da emerxencia climática non só son as selvas, o Ártico ou o xeo, senón que nos afecta a todos".
O nome da campaña Efecto PO2 xorde dun xogo de palabras no que se substitúe o coñecido impacto sobre o quecemento do planeta do CO2 por unha denominación que alude a Pontevedra como exemplo de aposta polo medio que "coa posta en marcha de políticas de cambio de concepción de espazos públicos e redución de tráfico a motor, conseguiu reducir as emisións nun 66%", apuntaba Gulías.
Dende o modelo urbano de Pontevedra e a súa achega clave para a redución da contaminación por CO2, o seguinte punto nesta loita contra o cambio climático pasa por unha redución da pegada ecolóxica nos biorresiduos a través da compostaxe, na que Pontevedra volve a ser referente, e realizar unha xestión racional e eficiente da auga, empezando por reducir as fugas na rede de abastecemento e de sumidoiros.
Tamén desde a acción local, o Observatorio Urbano de Pontevedra está a estudar os efectos do modelo de cidade sobre a calidade do aire, as consecuencias ambientais e sobre as condicións de vida das persoas co obxectivo de que o Concello conte cun estudo actualizado sobre o impacto das medidas postas en marcha no deseño urbano, con vistas a poder implementar novas actuacións.
As accións de Efecto PO2 arrancaban o pasado mes de setembro coa adhesión á mobilización social pola emerxencia climática nunha histórica Folga Mundial polo Clima. Agora o reto é que a presente crise sanitaria, económica e social non impida aplicar medidas efectivas para paliar o quecemento global pois hoxe, máis ca nunca, o futuro do planeta está en perigo.