Pontevedra, a piques de baixar dos 5.000 parados tras un forte descenso en xuño

Pontevedra
02 de xullo 2021
Actualizado: 16:05

Moi preto da barreira psicolóxica dos 5.000 parados quedou Pontevedra tras o descenso rexistrado, por sexto mes consecutivo, en xuño. Hai 5.046 desempregados na cidade, segundo os datos publicados este venres a Consellería de Emprego e Igualdade

Unha persoa nun comercio
Unha persoa nun comercio / Xunta de Galicia

Moi preto da barreira psicolóxica dos 5.000 parados quedou Pontevedra tras o descenso rexistrado, por sexto mes consecutivo, en xuño. Hai 5.046 desempregados na cidade, segundo os datos publicados este venres a Consellería de Emprego e Igualdade.

Son 242 menos (-4,57%) con respecto ao mes de maio, no que había 5.288 demandantes de emprego. É, cuantitativamente, unha das maiores baixadas dos últimos anos.

Con respecto a hai un ano, Pontevedra ten 1.130 parados menos. En xuño de 2020, aínda en plena pandemia e recentemente saídos do confinamento, había 6.176 persoas rexistradas nos servizos públicos de emprego da cidade.

Por sectores, como é habitual, a maior fluctuación á baixa rexístrase en servizos, que ten 3.715 desempregados (-185), ao que lle seguen industria con 470 parados (-31), construción con 380 (-23) e agricultura con 103 persoas sen traballo (-6).

Só aumenta o paro entre o colectivo sen emprego anterior, 378 persoas, tres máis que en maio.

O descenso do desemprego en xuño está, evidentemente, ligado á inminente campaña estival, por iso é polo que as maiores caídas se rexistren nos lugares con maior incidencia turística como Sanxenxo (-269), O Grove (-262), Vilagarcía (-203), Cambados (-150) ou Poio (-83).

Nesta ocasión, non hai ningún municipio onde aumente o número de parados.

 

DATOS PROVINCIAIS

O paro baixou na provincia de Pontevedra en 3.364 persoas durante o mes de xuño, un -5,25 por cento, respecto ao mes anterior. 

Segundo os datos proporcionados este venres polos Ministerios de Traballo e de Seguridade Social, na provincia da Coruña o paro descendeu en 2.931 persoas (-4,42%), 803 en Lugo (-4,96%) e en 490 en Ourense (-2,62%).

GALICIA

En Galicia o número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo Inem) baixou en 7.588 desempregados en xuño.

En relación co pasado mes de maio o descenso é dun 4,59%, ata situar o total en 157.718 persoas. E en comparación co mesmo mes do ano pasado o paro diminuíu en Galicia en 26.936 demandantes, un 14,59 por cento.

ESPAÑA

No conxunto de España, o número de desempregados rexistrados nos rexistros públicos de emprego volveu a marcar un descenso histórico, ao diminuír en 166.911 persoas, mentres que a Seguridade Social gañou 233.056 afiliados medios ata superar os 19,5 millóns.

Ademais, é o segundo mes consecutivo no que o paro rexistra récord de descensos.

O volume total de parados sitúase en 3.614.339 desempregados, a súa cifra máis baixa desde marzo de 2020, cando chegou a pandemia da covid-19.

Este dato non inclúe aos traballadores que se atopan en suspensión de emprego ou redución horaria como consecuencia dun expediente de regulación temporal de emprego (ERTE), xa que a definición de paro rexistrado non os contabiliza como desempregados.

Arquivado en