Pontevedra, a "casa nai" das cidades portuguesas que camiñan: "Non podemos ter medo ao cambio"

Pontevedra
15 de maio 2024

Ata Pontevedra viaxaron este mércores unha trintena de técnicos de urbanismo de dezasete dos 42 municipios que forman parte actualmente da rede portuguesa das Cidades que Camiñan coa súa presidenta Paula Tees á fronte

Visita a Pontevedra da rede portuguesa das Cidades que Camiñan
Visita a Pontevedra da rede portuguesa das Cidades que Camiñan / Concello de Pontevedra

Ata Pontevedra viaxaron este mércores unha trintena de técnicos de urbanismo de dezasete dos 42 municipios que forman parte actualmente da rede portuguesa das Cidades que Camiñan coa súa presidenta Paula Tees á fronte.

Todos eles foron recibidos polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA), onde coñeceron os distintos elementos e dinámicas que se aplicaron na transformación urbana da Boa Vila.

"Eu estiven na creación da rede portuguesa hai un par de anos e síntome orgulloso de poder recibilos hoxe aquí, charlando e paseando por Pontevedra, ao tempo que achegamos ideas para ou futuro", explicou Fernández Lores, quen os acompañou no seu paseo pola cidade.

Esta rede, que foi creada en 2022 por mediación do rexedor pontevedrés, busca resolver os "mesmos problemas e desafíos comúns" que, segundo a súa presidenta, teñen as cidades portuguesas en materia de seguridade viaria e de xestión do espazo público.

Teles recoñeceu que "nós temos moito que traballar" para aumentar a calidade de vida das cidades e que estas sexan "inclusivas, confortables e para todos".

Pontevedra é para eles a "casa nai" que lles inspira no seu proceso de cambio. De aí a súa visita á cidade para "aprender do que se fixo aquí", de forma que os técnicos poidan asumir a responsabilidade de "facer ben" as intervencións no espazo público.

"Temos que contaxiarnos da idea de que non podemos ter medo ao cambio", sentenciou a responsable portuguesa da rede Cidades que Camiñan.