Pontenciencia esperta o espírito investigador e científico de 300 escolares pontevedreses

Pontevedra
03 de febreiro 2015

Nenos de oito colexios desenvolverán os seus propios experimentos científicos, que a finais de maio presentarán na Feira da Miniciencia, que terá lugar na Escola de Enxeñaría Forestal os días 29 e 30 de maio. O programa está dirixido ao alumnado de Quinto e Sexto de Primaria e participan os rapaces da Xunqueira 1, San Martiño, Froébel, Marcos da Portela, Ponte Sampaio, San Bieito de Lérez, Parada e Campolongo        

Visita do vicerreitor do campus e o concelleiro de Educación ao colexio Campolongo
Visita do vicerreitor do campus e o concelleiro de Educación ao colexio Campolongo / Universidade de Vigo

O programa Pontenciencia, promovido pola Concellería de Educación de Pontevedra e a Vicerreitoría do campus universitaria, intentará espertar o espírito investigador dos escolares pontevedreses ao longo dos próximos meses. Durante o tempo que dure esta segunda edición da iniciativa chegará a máis de 300 escolares.

Nenos de oito colexios desenvolverán os seus propios experimentos científicos, que a finais de maio presentarán na Feira da Miniciencia, que terá lugar na Escola de Enxeñaría Forestal os días 29 e 30 de maio. O programa está dirixido ao alumnado de Quinto e Sexto de Primaria e participan os rapaces da Xunqueira 1, San Martiño, Froébel, Marcos da Portela, Ponte Sampaio, San Bieito de Lérez, Parada e Campolongo.

O programa comezou coa celebración nos diferentes centros participantes dunha serie de obradoiros sobre o método científico. Este martes celebrouse a relativa ao colexio Campolongo, á que asistiron o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, e o concelleiro de Educación, Agustín Fernández.

Corbacho destacou que esta segunda edición de Pontenciencia é "unha boa noticia para nós, porque supón unha forma máis de colaboración co Concello en temas de formación e educación e que porque nos permite achegarnos á nosa canteira" e tamén a importancia que ten á implicación das familias neste tipo de iniciativas. Agustín Fernández destacou que a feira da ciencia é un xesto da Concellería de Educación nun momento no que os recortes cébanse coa investigación científica en toda España e subliñou a necesidade de afondar todo o posible na interrelación entre a universidade e a cidade.

O ano pasado presentáronse un total de 28 proxectos científicos e todo indica que este ano superarase a cifra. Estarán divididos nos apartados de 'Ciencia no cole', dirixido aos colexios, e 'Ciencia en familia', para pais e fillos. Haberá tamén un premio 'Pontenciencia'.