O Partido Popular denunciou a "nula xestión" realizada polo goberno municipal no barrio de Pontemuíños que, segundo os edís Martín Martínez e Beatriz Rey, "degrádase cada día máis" ante a "inoperancia do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.
Os concelleiros populares visitaron o barrio para reivindicar a mellora das zonas públicas da contorna do complexo deportivo Rías do Sur e aumentar as prazas de aparcamento.
As demandas dos residentes, segundo o PP, foron "ignoradas sistematicamente polos responsables municipais, permitindo que o barrio estea "sucio e “abandonado".
Así, sosteñen que nas pistas polideportivas ao aire libre se acumula o lixo, os contedores están desbordados e a maleza invade as zonas de estancia.
"Recomendamos ao alcalde que se dea unha volta por esta zona abandonada do arrabalde e poña os medios dos que dispón ao servizo duns veciños que pagan os seus impostos do mesmo xeito que os do centro histórico", sentenciaron os edís do PP.