Ponteandadas, un programa en feminino que terá continuidade o vindeiro ano

Pontevedra
03 de decembro 2021

O 73% das persoas participantes foron mulleres adultas. Das 1.000 inscricións, houbo 848 participantes. Tino Fernández considera que os datos poñen de manifesto que é un programa moi demandado e unha actividade necesaria para que a cidadanía retome a actividade física ao aire libre e goce dunha xornada saudable en boa compañía

Primeira xornada de Ponteandadas 2021 en Monte Porreiro
Primeira xornada de Ponteandadas 2021 en Monte Porreiro / Concello de Pontevedra

O programa municipal Ponteandadas, impulsado dentro da iniciativa A Vida é Movernos, é fundamentalmente feminino. Así se desprende dos datos facilitados este venres pola Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde, que sinalan que a grande maioría das persoas participantes, un 73%, foron mulleres adultas

As restricións da pandemia reduciron as prazas dispoñibles para esta edición a máximo de 200 asistentes por saída. Todas as prazas cubríronse na inscrición previa, cun total de 1.000 persoas rexistradas, pero finalmente non todas as persoas que solicitaran praza acudiron.

Das 1.000 inscricións, finalmente houbo 848 participantes. Un 73% foron mulleres adultas, un 23% foron homes adultos e un 4% público infantil. 

O concelleiro de Deportes, Tino Fernández, considera que estes datos poñen de manifesto que Ponteandadas é un programa moi demandado e unha actividade necesaria para que a cidadanía retome a actividade física ao aire libre e goce dunha xornada saudable en boa compañía. E avanza que terá continuidade o vindeiro ano.

A camiñada con maior participación foi a última, a realizada polo parque forestal da Tomba o 21 de novembro. Houbo 191 participantes, 153 mulleres, 32 homes e 7 menores. 

Ademais, houbo 182 participantes no roteiro polo encoro do Pontillón do Castro o 7 de novembro (132 mulleres, 41 homes e 8 menores), 166 no percorrido Salcedo-Cabanas do 10 de outubro (121 mulleres, 39 homes e 6 menores), 156 por Mourente-Bora o 19 de setembro (110 mulleres, 41 homes e 5 menores) e 152  no parque forestal da Fracha o 24 de outubro (103 mulleres, 43 homes e 7 menores).