Ponte Sampaio queda sen médico no centro sanitario en agosto ata que se atope un suplente

Pontevedra
09 de agosto 2022

Desde a dirección da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés confirma que, desde este luns 8, non hai profesionais facultativos no centro sanitario da parroquia e os pacientes deben desprazarse ao Centro de Saúde Virxe Peregrina. Xustifica a situación no déficit de profesionais de Medicina de Familia nas listas de contratación que dificulta a cobertura das vacacións

Consultorio médico en Ponte Sampaio
Consultorio médico en Ponte Sampaio / Mónica Patxot

Desde este luns 8, o centro médico da parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio queda sen facultativo para atender os pacientes ata novo aviso. Inicialmente, esta situación, segundo confirman fontes da área sanitaria, está prevista ata o vindeiro mércores 17 de agosto, sempre que para esa data o Servizo Galego de Saúde (Sergas) atope algún substituto para cubrir a ausencia.

A área sanitaria indica que, no caso de que apareza un suplente, se incorporaría de inmediato a ese posto de traballo durante este mes de agosto. Mentres, os pacientes que están sorprendidos ao comprobar a ausencia de médico no consultorio, deberán trasladarse ao centro de saúde Virxe Peregrina na contorna da Alameda de Pontevedra para ser atendidos por un profesional médico.

Fontes da Dirección da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés sinalan que o déficit de profesionais de Medicina de Familia nas listas de contratación dificulta a capacidade de cobertura durante as vacacións, tal e como sucede no centro médico de Ponte Sampaio. Segundo indican, ás ausencias estivais súmanse outras por incidencida de covid-19, ademais de por permisos profesionais ou incapacidade temporal dos facultativos.

Nestes casos, sinalan desde a área sanitaria que agora xestiona o xerente José Flores, os pacientes son remitidos a centros de saúde próximos ata que se poidan cubrir as ausencias no consultorio.

Desde o Sergas lembran a publicación da Oferta Pública de Emprego a principios deste mes para crear 106 prazas de médico especialista de Atención Primaria en Galicia. Desta cifra, trece profesionais incorporaranse á actividade dos centros de saúde da área sanitaria.

No verán de 2020 realizáronse varias protestas veciñais fronte ao consultorio desta parroquia debido á falta de incorporación do médico e unicamente mantíñase unha persoa do servizo de Enfermería no centro. As persoas usuarias temíanse o peche deste espazo ao que acoden maioritariamente persoas de avanzada idade da contorna con dificultades para desprazarse a outros centros de saúde. Finalmente o Sergas decidía que un facultativo volvese atender na parroquia pontevedresa.