Ponte Sampaio bota á vista atrás e conmemora a inauguración do colexio en novembro do 82

Pontevedra
25 de novembro 2017

Para celebrar o 35 aniversario con toda a parroquia, o colexio editou unha edición especial de A Voz do Verdugo dedicada en exclusiva á conmemoración. En 1980 comezaron as obras e no curso 1982-1983 inauguráronse as novas instalacións

Obras de construcción do colexio de Ponte Sampaio
Obras de construcción do colexio de Ponte Sampaio

Corría novembro de 1982 cando se abrían por primeira vez as portas do novo colexio público de Ponte Sampaio. Nesta parroquia pontevedresa había ata entón varios centros educativos de pequeño tamaño esparexidos por distintos núcleos de poboación, pero as edificacións quedáronse antigas e tiñan escasos recursos, tanto materiais como humanos, de modo que urxía un centro moderno. Tras moitos trámites e peticións veciñais e políticas, en 1980 comezaron as obras e no curso 1982-1983 inauguráronse as novas instalacións

Pasados 35 anos, a comunidade educativa actual ten moi presente o seu pasado e este ano quixo recordar a feliz celebración. Este luns, aproveitando que se vai conmemorar no centro o Día Internacional da Non Violencia contra a Muller e as familias do alumnado están convidadas ao centro, van facer unha mención especial ao aniversario. Ademais, para celebrarlo con toda a parroquia, editouse unha edición especial do xornal do colexio, A Voz do Verdugo, dedicada en exclusiva á conmemoración

Nesa edición do xornal ocupan un oco especial todos os acontecementos previos á inauguración do centro e tamén a súa construcción, que estivo moi vencellada á propia parroquia. A empresa pontevedresa Malvar foi a encargada de comezar a súa construción e os traballos correron a cargo dun canteiro do lugar de Vilar, en Ponte Sampaio, Adolfo Puga; e de dous da parroquia veciña da Canicouva, Manuel Contín e Vicente. Realizaron a cementación e os muros do contorno

"Xa as bases do colexio teñen un fondo anclaxe social, pois os veciños estiveron presentes e formaron parte activa das distintas fases de execución e posta en funcionamento deste, e hoxe en día seguen sendo unha parte moi activa e implicada da comunidade escolar en todos os sectores da mesma", destaca a dirección do colexio con motivo deste aniversario. 

Os máis vellos da parroquia coñecen a súa historia, pero para os máis novos o centro decidiu facer un repaso ás súas orixes e lembra que non estiveron exentas de polémica, pois a súa ubicación modificouse dúas veces antes  de rematar no número  12 do lugar da Xunqueira.  

En todo caso, esa polémica non desluciu o logro que supuxo a súa inauguración, en tanto que este novo colexio, como recorda o xornal editado para a ocasión, "metía á parroquia na modernidade educativa, con equipamentos adaptados ás novas necesidades formativas e con vocación de aglutinar a todo o alumnado da parroquia e ofrecerlle a mellor educación, sempre pública e de calidade".

O colexio non sería o mesmo sen os  35 cursos de estudantes de Ponte Sampaio e arredores que pasaron xa polas súas aulas, varias xeracións de nenas e nenos que "as paredes do número 12 da rúa Xunqueira viron medrar a nivel humano e formativo" e que, segundo explica a dirección do centro, que asume Avelino Cabaleiro, axudaron ao profesorado a tecer as páxinas desta publicación e facer un repaso pola historia. 

"Ninguén mellor para contalo que aqueles que o viviron de primeira man", insisten desde o colexio, por iso é polo que dan voz a alumnado actual e antigo e tamén ás asociacións da contorna e, ademáis, fixeron unha pequeña recollida de fotos antigas entre os vecinos para facer un pequeno arquivo fotográfico da historia do centro.