Ponte Jam 2015, a volta á casa

Pontevedra
28 de febreiro 2015

Ao longo destas 12 horas de creación, os 26 participantes enfrontáronse con éxito ao reto formulado no marco da Global Jam, un evento internacional de deseño de servizos, celebrado durante a xornada do sábado en máis de 100 cidades de todo o mundo

Ponte Jam 2015
Ponte Jam 2015

A primeira PonteJam deste 2015 supuxo un retorno ás orixes dun evento que é xa unha cita ineludible no calendario pontevedrés. PonteJam 2015 volveu á casa, e celebrouse novamente nas instalacións de Espacio Arroelo, "sede" das Jams na cidade dende a primeira edición, despois da Global Sustainability Jam, celebrada na Casa das Campás, espazo da Universidade de Vigo.

Ao longo destas 12 horas de creación, os 26 participantes (que na súa maioría asistían por primeira vez a unha PonteJam) enfrontáronse con éxito ao reto formulado no marco da Global Jam, un evento internacional de deseño de servizos, celebrado durante a xornada do sábado en máis de 100 cidades de todo o mundo.

Este ano, os organizadores, os coworkers de Espacio Arroelo, decidiron recuperar o formato das primeiras edicións, convocando un menor número de participantes (na anterior edición, celebrada en novembro de 2014, o número de participantes ascendeu 46).

Despois da presentación dos jammers e mentores, así como da dinámica e obxectivos da xornada, chegou o momento de "estreitar lazos" entre participantes, coa resolución dunha serie de divertidas dinámicas conxuntas, que permitiron romper o xeo e liberar a tensión inicial, habitual ao comezo de calquera proxecto.

Ás 10:45 horas desvelouse o esperado reto, o segredo mellor gardado das Global Jams: neste caso, foi unha imaxe a encargada de dar o pistoletazo de saída a unha xornada de creatividade. A continuación, procedeuse á división dos participantes en grupos de traballo, e cada mentor fíxose cargo dun grupo. A cada grupo se lle "adxudicou" un ámbito de traballo, no que deberían desenvolver a súa proposta, aplicando o reto, para comezar a deseñar e prototipar servizos capaces de cambiar o mundo, obxectivo final da Global Jam.

Ás doce e media, unha nova inxección de creatividade chegou da man dos organizadores, que propuxeron aos participantes un xogo: descubrir novas utilidades dunha serie de obxectos cotiáns, forzándolles a buscar máis alá do evidente e promovendo o seu enxeño.

Ao longo dunha moi produtiva mañá, os distintos equipos de traballo avanzaron no desenvolvemento os seus prototipos, e mesmo, algúns dos participantes saíron xa á rúa para testear o éxito potencial da súa proposta. Para iso compartiron a súa idea con veciños de Pontevedra e recolleron as diversas opinións destes pola rúa. Pola tarde, por fin, todos os jammers saíron á rúa para mostrar os seus prototipos e valorar se as súas creacións, en último termo, son capaces de dar unha resposta concreta e factible ao reto proposto.

Finalmente, ás 20:15 horas os catro equipos presentaron os seus prototipos a todos os participantes, mentores e organizadores.