Ponte humana reivindicativa para alertar sobre as necesidades da área sanitaria de Pontevedra

Pontevedra
09 de xullo 2020

Os sindicatos CESM-Galicia, Co.Bas e Prosagap volveron saír á rúa para defender a sanidade pública e chamar a atención dos grupos municipais do Concello de Pontevedra sobre as necesidades de recursos sanitarios e persoal que se precisan nos centros de saúde e nos hospitais públicos da comarca

Ponte humana entre o Hospital Provincial e o Concello
Ponte humana entre o Hospital Provincial e o Concello / Prosagap, CESM e Co.Bas

 Co.Bas, Prosagap e CESM Galicia volveron saír á rúa na tarde deste xoves para levar a cabo unha acción consistente en crear unha cadea humana entre o Hospital Provincial e o Concello de Pontevedra.

Con esta iniciativa, os tres sindicatos sanitarios queren trasladar aos portavoces dos distintos grupos con representación na corporación municipal as necesidades que ten o persoal dos centros de saúde e hospitais da comarca, debido ás carencias do Sistema Público de Saúde.

A través desta ponte humana entre o Hospital e o Concello simbolízase, segundo os sindicatos convocantes, a unión do persoal sanitario e da cidadanía coa intención de que os grupos municipais atendan as demandas actuais no ámbito da saúde, que se centran en contratacións dignas e estabilidade do emprego do persoal sanitario, ademais do desenvolvemento do Plan Estratéxico de Atención Primaria.

Indican que é necesario informar á cidadanía, antes das eleccións do domingo 12 de xullo, da falta de recursos ante a "perversa manipulación da información" que levou a cabo a xerencia de José Ramón Gómez na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés durante os momentos máis intensos da expansión da pandemia da  Covid-19.

Neste sentido, afirman que desde a chegada de Alberto Núñez Feijóo á presidencia da Xunta de Galicia no ano 2009 incrementáronse os recortes e as privatizacións na sanidade pública da comunidade autónoma.