O Concello de Ponte Caldelas repetirá este ano a programación desdobrado para o seu Entroido que xa puxo en marcha dous anos atrás, con actividades de Inverno en marzo e de Verán no mes de xuño.
Este ano 2019 o Entroido de Inverno de Ponte Caldelas terá o seu día grande o martes 5 de marzo coa terceira edición da Festa de Disfraces na discoteca, que empezará ás 18.00 horas e rematará pasada a unha da madrugada.
Trátase dun evento aberto a todas as idades e que non teme ás previsións meteorolóxicas, sempre incertas, nesta época do ano. Prégase aos asistentes que vaian en familia e disfrazados. Durante a festa, que contará coa animación musical do DJ e showman Pedro Campos, haberá sorpresas e unha degustación gratuíta de filloas.
Para o Entroido de Verán volverán apostar por un gran desfile ao aire libre, con verbena a continuación, xa na terceira fin de semana de xuño. O desfile alcanza, dende hai dous anos, cifras record de participación e asistencia de público. A animación no pobo prolóngase ata altas horas da madrugada
As bases para o desfile, que continuarán introducindo novidades atractivas, na liña do ano pasado cando se incorporou un concurso de 'drag queens', daranse a coñecer no mes de maio.