Ponte Caldelas volve a estar pendente do lume tras declararse un novo incendio forestal no municipio, esta vez no lugar da Esfarrapada, na parroquia de Anceu.
O lume iniciouse minutos despois das 16:30 horas, sendo declarado o nivel 1 de alerta ás 17:23 pola súa proximidade ás casas.
Segundo informa a Consellería de Medio Rural, esta alerta foi desactivada ás 18:10 horas e o incendio controlado as 19:30 horas.
As primeiras estimacións sitúan a superficie queimada en nove hectáreas, nas que se despregaron ata cinco brigadas, tres axentes forestais, tres motobombas, tres avións e un helicóptero. O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente enviou tres avións anfibios con capacidade de 5.500 litros procedentes das bases de Labacolla na Coruña e Matacán en Salamanca.
Hai unha semana as lapas arrasaron 600 hectáreas de monte arborado e raso en Ponte Caldelas no incendio declarado en Castro Barbudo.