Ponte Caldelas trata de recuperar a normalidade tras os incendios do domingo

Ponte Caldelas
18 de outubro 2017

En canto á superficie afectada, o Concello dispón dun primeiro dato dunha enxeñería forestal que estima nunhas 2.900 hectáreas a superficie arrasada. O dato será corroborado nos próximos días e reflectido no informe final

Danos provocados polos incendios en Ponte Caldelas
Danos provocados polos incendios en Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

Ir recuperando paulatinamente a normalidade é o que están tratando de facer os veciños de Ponte Caldelas, tras a vaga de lumes que arrasou o municipio o pasado domingo. Víronse afectados 25 dos 33 núcleos poboados do concello.

Nas últimas horas aínda unha brigada municipal tivo que ir apagar pequenos incendios nunha leira de Chaín e nun alboio con alpacas da Insua.

En canto á superficie afectada, o Concello dispón dun primeiro dato dunha enxeñería forestal que estima nunhas 2.900 hectáreas a superficie arrasada. O dato será corroborado nos próximos días e reflectido no informe final.

A valoración final non se coñecerá ata que pasen algúns días, pero o Concello xa pode confirmar que hai un mínimo de seis vivendas afectadas, a metade delas no lugar da Insua: unha destruída completamente, outra coa zona dos dormitorios calcinada e unha caravana, tamén inservible.

En Regodobargo quedou afectado un pequeno módulo prefabricado. Unha vivenda quedou sen porche en Chaín e outra vivenda máis resultou danada en Parada. A elo hai que engadir danos menores como persianas derretidas e unha longa relación de estragos.

Hai cinco tractores queimados (catro en Parada e un Regodobargo) e varios vehículos tanto particulares como de empresas en diversos lugares. Tamén hai moitos danos en fincas, plantacións agrícolas e explotacións gandeiras, onde mesmo pereceu o gando. Hai unha gandería de Rebordelo que quedou sen forraxe para os animais e na Hípica Amazonas sufriron danos materiais e tres eguas resultaron gravemente feridas polo lume

A principal empresa afectada é Nefab, fábrica de taboleiros de madeira con 49 empregados, que está parada dende o domingo; aínda que tamén numerosos autónomos sufriron perdas importantes en maquinaria, vehículos ou mercadorías.

A prioridade agora é a recuperación dos servizos públicos, comezando pola auga. Hai moita xente sen subministro porque o lume levou por diante as traídas. 

Hai pobos enteiros que levan sen auga dende o domingo. A situación é grave e imposible de solucionar con rapidez. O Concello acudiu onte a encher parcialmente o depósito comunal de Gradín, pero ao facelo descubriu que o tubo soterrado que abastece ao pobo estaba queimado.

O Concello está tamén esforzándose en recuperar a iluminación pública. Moito cabo quedou derretido durante o domingo e mesmo algúns dos farois. A día de hoxe a situación está case normalizada, agás en Silvoso, onde aínda quedan zonas por recuperar.

Os colectores de lixo tamén resultaron afectados, especialmente na zona da Insua e Regodobargo. A empresa concesionaria está revisándoos con vistas á súa substitución. Unha dificultade engadida, comenta o alcalde, é que a reposición destes colectores non está prevista no contrato coa concesionaria.

En canto ao subministro eléctrico, houbo problemas en Parada e Taboadelo, pola caída de árbores sobre a liña de media tensión. E tamén algunhas incidencias ao queimarse acometidas a vivendas na rede de baixa. A empresa distribuidora, Elemol, solucionou todo con moita rapidez e o luns pola mañá o servizo xa estaba restablecido aos preto de 100 aboados afectados

Ademais, o goberno municipal recibiu xa a máis de 50 veciños para informalos sobre o procedemento para a valoración dos danos.

Arquivado en