O goberno local de Ponte Caldelas adoptou a decisión de trasladar a festa do Entroido ao sábado 10 de xuño.
Os comerciantes e os hosteleiros xa foron informados e, segundo asegurou o concello "manifestaron a súa conformidade cunha idea que busca aproveitar o comezo do bo tempo, dándolle calor a un evento festivo que ten ao frío e a choiva como habituais inimigos".
O Concello quere dar un paso máis para converter o Entroido caldelán nun elemento de atracción nunha fin de semana situada entre o remate da primavera e o comezo do verán.
O tripartito, formado polos grupos municipais do PSdeG-PSOE, AVP e BNG, levaba estudando este cambio dende o ano pasado, cando o desfile do Entroido estivo moi condicionado polo frío e a verbena posterior quedou bastante deslucida polas xélidas condicións ambientais.
Agora búscase estirar ao máximo a xornada e converter o segundo sábado de xuño nunha auténtica festa de cor e alegría.
"Agardamos unha gran afluencia de xente de toda a bisbarra e pode que tamén de Pontevedra ou Vigo, porque teremos un evento moi distintivo e estamos convencidos de que movemos ficha na dirección correcta" conclúe o alcalde, Andrés Díaz.