Ponte Caldelas tamén arría a bandeira da Unión Europea do Concello

Pontevedra
15 de marzo 2016

O alcalde Andrés Díaz e o concelleiro nacionalista Manuel Barreiro foron os encargados de baixar a insignia da UE para denunciar o acordo asinado con Turquía que "vulnera os dereitos humanos" e animaron a tódolos concellos, especialmentes aos gobernados por alcaldes progresistas, a visibilizar deste xeito o seu rexeitamento

Arriada a bandeira europea no concello de Ponte Caldelas
Arriada a bandeira europea no concello de Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas arría a bandeira da Unión Europea en protesta polo acordo asinado co goberno turco para facilitar a deportación masiva de refuxiados.

O alcalde socialista, Andrés Díaz, e o concelleiro nacionalista Manuel Barreiro, en nome do equipo de goberno, foron os encargados de baixar a insignia estrelada que pendura do mástil, sin ser retirada por completo, pero non ondea no Consistorio como xeito de rexeitamento colectivo ante un convenio que consideran que viola os dereitos humanos.

Andrés Díaz animou a todos os concellos, especialmente en aqueles gobernados por alcaldes progresistas, a "facer visible con este xesto o rexeitamento a este pacto que viola a Carta Internacional dos Dereitos Humanos, tal e como expresou a propia ONU".

Ademais, o Parlamento Europeo "distánciase do acordo coa actitude de varios lexisladores que mostraron dúbidas sobre a súa legalidade, xa que se trataría dunha expulsión colectiva prohibida pola Convención de Xenebra", avisa o alcalde de Ponte Caldelas.

Andrés Díaz recoñece que este é un acto simbólico pero "cargado de razóns porque non podemos construir a Unión Europea, a Europa social, con decisións e actitudes que violan os dereitos das persoas e que fuxen da guerra e da morte deixando atrás toda a súa vida. Non podemos permanecer impasibles ante unha decisión inxusta e incluso xenófoba".

"Desde o Concello de Ponte Caldelas esiximos que se tomen as medidas oportunas para protexer os dereitos humanos e facemos esta arriada da bandeira por considerar vergoñoso que unha institución que defende os valores democráticos poida chegar a acordos que atentan contra os dereitos fundamentais das persoas", concluíu Andrés Díaz.

Arquivado en