Dos tres médicos de familia que había no centro de saúde de Ponte Caldelas, a día de hoxe, só queda un. Esta situación levou ao alcalde, Andrés Díaz, a convocar unha manifestación para defender a sanidade pública do municipio.
Partirá o domingo 31 de xullo, ás 12:00 horas, da Casa do Concello e percorrerá varias rúas para rematar na Alameda de Ponte Caldelas.
A situación da atención sanitaria na vila, segundo Díaz, é "insostible" cun só médico atendendo a un municipio de 5.577 persoas e sen ningún pediatra dispoñible.
"Estamos fartos de desplantes, de excusas e de promesas incumpridas", indica o alcalde de Ponte Caldelas, que asegura que a veciñanza do municipio está cansada de poñer follas de reclamacións e queixas que non chegan a ningún porto.
O goberno municipal, que fixo un chamamento á participación veciñal, considera que esta situación "é unha auténtica vergonza" porque reitera que a saúde "é un dereito básico e imprescindible co que non se pode xogar e que xa non soporta máis recortes”.
O BNG SÚMASE ÁS CRÍTICAS
A estas críticas sumouse tamén o BNG, a través da súa portavoz, Sol Seoane, que vincula esta situación cos trece anos de "insistentes políticas" do PP na Xunta de Galicia "destinadas a estragar a sanidade pública".
"Estamos fartas. Queremos e esiximos unha sanidade pública en condicións. Basta xa de botar balóns fóra e non asumir as súas responsabilidades. É urxente un cambio de rumbo, porque a saúde é o primeiroe con ela non se xoga", subliña Seoane.