Ponte Caldelas repartirá 4.000 euros en premios no seu entroido de verán do 17 de xuño

Ponte Caldelas
21 de abril 2017

A Xunta de Goberno local aproba as bases dun desfile que repartirá máis de 4.000 euros en premios e rematará cunha festa na Alameda

Desfile do entroido en Ponte Caldelas
Desfile do entroido en Ponte Caldelas

Ponte Caldelas acolle o seu desfile de entroido de verán o sábado 17 de xuño. Así quedou aprobado este venres na Xunta de Goberno Local, que deu o visto bo a unhas bases polas que os participantes se repartirán máis de 4.000 euros en premios.

O goberno local caldelán, formado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, está sorprendido pola expectación que está a espertar esta convocatoria, pois antes mesmo da convocatoria oficial xa se teñen recibido numerosas chamadas confirmando a presenza de máis dunha ducia de comparsas e outros tantos grupos procedentes de diversos lugares de Galicia.

O alcalde, Andrés Díaz, está "convencido de que o cambio de datas vai ser un éxito tanto de participación como de público". O goberno local quere coroar o desfile cunha gran festa na Alameda con música en directo ata altas horas da madrugada. No seu transcurso entregaranse os premios aos gañadores nas distintas modalidades.

Ponte Caldelas optou por unha fórmula que consiste nun entroido tradicional de inverno, cunha festa de disfraces na antiga discoteca Reivy, e situar o desfile na rúa xusto despois da Festa da Troita.

O desfile comezará, deste xeito, ás 21.00 horas do 17 de xuño. A concentración dos participantes ábrese ás 19.30 horas no paseo da Calzada. O percorrido será polo propio paseo da Calzada, rúa da Ponte, avenida de Vigo, rúa Marín e rematará na Alameda.

O prazo de inscrición está aberto ata o 15 de xuño e deben presentar no Rexistro do Concello de Ponte Caldelas a petición, que pode obterse no sitio web www.pontecaldelas.org

Arquivado en