Ponte Caldelas reclama "lombos" á Xunta para reducir a velocidade na recta de Caritel

Ponte Caldelas
08 de xullo 2014

O Concello de Ponte Caldelas propón á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas que sobreeleve os pasos de peóns existentes nesa travesía da PO-255

Recta de Caritel, en Ponte Caldelas
Recta de Caritel, en Ponte Caldelas

O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, solicitou á Xunta de Galicia a petición da Asociación de Veciños de Caritel que se busquen fórmulas que contribúan a aumentar a seguridade vial na travesía da estrada autonómica PO-255, ao seu paso por esta zona.

Entre as fórmulas que se propoñen figura o sobreelevado dos tres pasos de peóns existentes ou, polo menos, algún deles seguindo o modelo dos "lombos" que se encontran na cidade de Pontevedra. Con esta medida agardan que se reduza a velocidade dos vehículos que transitan por esta travesía.

Segundo expoñen nos escritos remitidos á Consellería de Infraestruturas e ao delegado da Xunta, José Manuel Cores Tourís, ao coincidir esta vía cunha longa recta provoca que os condutores se despiste e superen a velocidade dos 50 quilómetros por hora sinalizados no devandito tramo.

Perfecto Rodríguez, ao tratarse dunha estrada de titularidade autonómica, comprometeuse a trasladarlle esta petición á Xunta de Galicia para que estuden o mellor xeito de incidir na PO-255 que comunica a vila de Ponte Caldelas con Caritel, o enlace coa Lama e a parroquia de Forzáns. O Concello de Ponte Caldelas xa ten adoptado varias medidas similares noutros puntos do municipio.