Ponte Caldelas recibirá máis de 200.000 euros da Deputación para o arranxo do campo de fútbol de Chan da Barcia

Ponte Caldelas
20 de maio 2024

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López e o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz mantiveron este luns o seu primeiro encontro institucional nunha reunión de traballo celebrada no Pazo Provincial  

Andrés Díaz e Luis López
Andrés Díaz e Luis López / Mónica Patxot

O Concello de Ponte Caldelas financiará gran parte do arranxo do céspede artificial do campo de fútbol de Chan da Barcia con cargo ás axudas da Deputación.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López e o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz mantiveron este luns o seu primeiro encontro institucional nunha reunión de traballo celebrada no Pazo Provincial.

Foi unha "reunión cordial e de colaboración, como ten que ser", sinalou Luis López ao concluír este encontro no que o presidente da Deputación anunciou ao alcalde que este martes, na Xunta de Goberno, vai aprobar o proxecto de renovación do céspede artificial do campo de fútbol de Chan da Barcia, que está valorado nun total de 306.000 euros. 

Concretamente, a administración provincial achegará unha axuda que se distribuirá entre os 158.200 euros incluídos na liña 1 do Plan Mais Provincia, e tamén 47.800 euros do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, para a renovación do céspede artificial deste campo de fútbol que resultou moi danado por unha riada o pasado mes de novembro. Os 100.000 euros restantes proceden dun seguro municipal para facer fronte a inundacións.

Ademais deste asunto, o titular do executivo provincial informou o rexedor dos fondos que lle corresponden ao Concello de Ponte Caldelas do programa +Provincia, que ascenden a 649.000 euros, 45.400 máis do recibido o ano anterior.

Segundo desagregaron, unha parte destes recursos, 124.500 euros, destinaraas o goberno local á contratación de 21 persoas ao amparo da liña 3 de fomento do emprego do Máis Provincia.

No tocante á liña 1 de investimentos, Ponte Caldelas dispón dun orzamento de 454.000 euros que destinará, ademais da renovación do céspede do campo de fútbol, a outros proxectos para os que solicitou financiamento á Deputación como a mellora de oito camiños e rúas municipais (241.625 euros), o ensanche do camiño de Taboadelo (61.210 euros), ou a mellora da drenaxe e do firme do camiño de Regodobargo (9.100 euros).

Así mesmo, Ponte Caldelas percibirá pola liña 2 de apoio ao gasto corrente un total de 53.800 euros e, pola liña 4 de redacción de proxectos transformadores, asignou 16.200 euros. 

Andrés Díaz tamén puxo sobre a mesa algúns proxectos de futuro do seu Concello e repasou outros que xa están en marcha como a reordenación da praza Frei Antonio Jorge para a que o organismo provincial achegou 420.000 dos 494.000 euros nos que está valorada a obra.