Ponte Caldelas quere solucionar co novo PXOM o abandono do edificio de vivendas de protección oficial

Ponte Caldelas
23 de febreiro 2018

O documento, que será entregado en semanas á Xunta, propón crear un novo solo protexido e posibilitar a venda destes pisos no mercado libre

Edificio en construción no Camiño de Valdarrosa
Edificio en construción no Camiño de Valdarrosa /

O goberno local de Ponte Caldelas agarda que o abandono do edificio situado no Camiño de Valdarrosa, entre o colexio Cordo Boullosa e a subida ao instituto de Ensino Secundario de Ponte Caldelas, quede superado se a Xunta de Galicia aproba o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que o Concello lle remitirá nas próximas semanas.

O documento de PXOM propón transformar esta finca, denominada Pinar da Laranxeira, en solo de vivenda libre, polo que os dous bloques para 28 vivendas, distribuídos en dúas alturas e baixo cuberta, poderían rematarse e saír á venda no mercado inmobiliario ordinario.

O Concello, en cumprimento da lexislación urbanística, prevé un solo equivalente e coa mesma edificabilidade no solo urbanizable co que quere ampliar o centro urbano. Dentro desta nova bolsa de solo non consolidado, con capacidade para un total de 140 vivendas, encáixase un solar para 28 vivendas en réxime de protección.

O edificio de vivenda de protección oficial (VPO) de Ponte Caldelas leva varios anos paralizado. A empresa pontevedresa García Ameal S.L. detivo as obras diante da imposibilidade de continuar executando unha promoción que non é competitiva no mercado actual.

Segundo o goberno local, a desaparición das axudas á vivenda protexida de promoción privada e as restricións para a venda deste tipo de pisos, tanto en características formais como en requisitos que deben reunir os mercadores, foron as causantes. Máis aínda, o réxime de VPO que se aplicaba cando se iniciou esta obra xa nin sequera existe.

O inmoble é o resultado dunha modificación puntual do solo, rexido polas normas subsidiarias de hai 25 anos, precedido dun convenio urbanístico que quedou sen cumprir e a día de hoxe é inexecutable. Con esta solución, o goberno local, formado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, tenta, deste xeito solucionar unha situación moi complexa que supón un prexuízo claro para os intereses municipais.

O alcalde, Andrés Díaz, recalca que hai anos que non se constrúe un novo bloque de vivendas en Ponte Caldelas, polo que estes 28 pisos virían a cubrir parte da demanda existente.

"O mercado local está parado porque non hai vivenda nin para comprar, nin para a lugar e existe unha longa listaxe de espera na inmobiliaria local", asegura. Os solares existentes no centro urbano están en mans de propietarios que residen fóra ou de moitos propietarios, o que dificulta que o solo consolidado se edifique. "Nestas circunstancias, é unha mágoa que un edificio que xa conta coa estrutura e a fachada en pé non se remate", engade.

Andrés Díaz confía en que a aprobación do PXOM contribúa a poñer fin a todos estes problemas, dado que o documento recolle todas as observacións negativas realizadas pola Xunta de Galicia no ano 2006, cando o anterior equipo de goberno presentou a súa proposta.