Ponte Caldelas prorroga os orzamentos á espera de coñecer o custo da Sogama da auga

Ponte Caldelas
12 de decembro 2019

O goberno local manterá a conxelación de taxas e impostos para o próximo ano

Reunión do equipo de goberno de Ponte Caldelas
Reunión do equipo de goberno de Ponte Caldelas /

O Concello de Ponte Caldelas manterá a conxelación de taxas e impostos para o próximo ano. O goberno local decidiu ademais prorrogar o orzamento actual á espera de coñecer o custo que supoñerá para as arcas municipais a nova taxa, coñecida como a Sogama da auga, que a Xunta cobrará aos concellos polo tratamento das augas residuais.

O alcalde Andrés Díaz sostén que na actualidade a depuradora de augas do casco urbao depende da Xunta e o lugar de Silvoso evacúa cara á depuradora de Ponche Samapaio, tamén de administración autonómica. "Quedamos á espera de saber o que vai custar ao Concello esta nova medida da Xunta, por iso decidimos prorrogar os orzamentos como están a facer outros concellos polo mesmo motivo", explica o rexedor socialista.

Sobre os orzamentos, asegura o mandatario caldelano que teñen unha vocación social e incluíu un importante incremento da partida para o Servizo de Axuda non Fogar, ademais do mantemento das axudas de Emerxencia Social, a Coempo, á Escola Municipal de Fútbol e ás comunidades educativas.

En referencia ás taxas e impostos, lembran desde o Concello que coa chegada de Díaz ao goberno local eliminaron a taxa de uso do pavillón municipal de Chan da Barcia e as visitas ao área arqueolóxica de Tourón. Así mesmo, suprimiron o imposto de rodaxe para todos os vehículos de máis de 25 anos e reduciuse o recibo da auga ao aumentar en 8 metros cúbicos o consumo mínimo dos fogares.