Pedro Sánchez pisa Galicia por vez primeira desde que anunciou a súa candidatura para digirir do novo o PSOE. Farao este mércores 15 de marzo. A súa estrea ía ser en Ourense, pero finalmente antes visitará Ponte Caldelas. Así o anunciou o propio alcalde do municipio, Andrés Díaz, a través da súa conta de Facebook.
A Pedro Sánchez irá a recollelo Andrés Díaz ao aeroporto de Vigo ás 13.00 horas, para trasladalo a Ponte Caldelas no seu coche particular. Á súa chegada ao municipio pontevedrés, prevista para as 13.45 horas, visitará a Casa do Concello, saudará á corporación local e visitará o centro da vila.
Durante o seu paseo, explica o rexedor caldelán, Sánchez revisará as actuacións e os plans que o goberno tripartito desenvolveu nos últimos meses.
Ademais, o candidato ás primarias do PSOE celebrará unha comida con militantes e simpatizantes socialistas de toda a comarca no restaurante Puente, onde cada asistente pagará o importe do seu prato.
Ante esta visita, que Andrés Díaz cualifica como persoal, o alcalde de Ponte Caldelas agradece que Pedro Sánchez elixise o seu municipio como primeiro concello que visita en Galicia na súa precampaña para optar á Secretaría Xeral do PSOE.
Díaz indica que aproveitará para expoñerlle ao candidato socialista a situación política que se vive en Galicia e o agravio comparativo que padecen os concellos rurais na repartición de investimentos da Xunta de Galicia.
A este acto están convidados os secretarios xerais e portavoces do PSdeG-PSOE na comarca, encabezados polo pontevedrés Agustín Fernández e os líderes socialistas na Lama, Cerdedo-Cotobade e Soutomaior.