O Concello de Ponte Caldelas enviou este xoves á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación os dous informes desfavorables ó Parque Eólico dos Cotos elaborados polos técnicos municipais de Urbanismo e Medio Ambiente.
Ambos informes fan fincapé na "fragmentación intencionada do proxecto", que non inclúe a liña de evacuación do parque, "unha infraestrutura imprescindible para o funcionamento do proxecto e que non está a ser motivo de estudo conxunto, o que impide coñecer o impacto real do Parque Eólico dos Cotos sobre todo o territorio afectado", no que se inclúe Ponte Caldelas, concello polo que discorrería a liña de alta tensión.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, destaca que os informes municipais desfavorables son "indispensables" para amosar o rexeitamento do consistorio a este proxecto e tamén unha "cuestión clave para poder chegar á vía xudicial" no caso de que o proxecto do Parque Eólico dos Cotos continúe adiante.
"Ponte Caldelas levará ao xulgado e chegará ata o Tribunal Europeo se fai falta para frear este proxecto eólico que arrasa co noso territorio de xeito brutal e sen miramentos", advertiu Andrés Díaz.
Entre as cuestións que se destacan atópase que o planeamento municipal de Ponte Caldelas sostense no desenvolvemento do sector terciario, entre outros, apoiado na potenciación do comercio e o turismo cultural e na valoración do entorno natural e paisaxístico.
Así, argumentan que a localización do proxecto do Parque eólico dos Cotos e a súa liña de evacuación impedirían o desenvolvemento de dito modelo territorial no concello e afectaría moi de preto ó patrimonio de Ponte Caldelas, pois a liña de evacuación, tal e como se contempla no proxecto, está trazada moi preto de bens patrimoniais de alto valor, como a Capela de Cristo Rei en Baltar, de mámoas, de petróglifos, das recentemente descubertas Covas do Monte Pé da Múa e practicamente sobrevoa o Bosque de Secuoias de Buchabade.
Por outra parte, Díaz lembra que este venres remata o prazo para presentar alegacións ao proxecto eólico dos Cotos e que o Concello de Ponte Caldelas dispón dun modelo de alegacións a disposición da veciñanza no que "só hai que asinar para que quede constancia do rexeitamento social ó proxecto".