Ponte Caldelas presentará o novo PXOM en asembleas por todas as parroquias

Ponte Caldelas
28 de setembro 2019

O obxectivo destas xuntanzas é que os veciños coñezan de primeira man de que xeito lle afecta a cada núcleo de poboación este novo plan. As 26 asembleas que se realizarán comezarán a vindeira semana. As primeiras serán en Vilarchán e Pazos. Haberá dúas asembleas á semana durante os vindeiros tres meses

Xuntanza co equipo redactor do PXOM de Ponte Caldelas
Xuntanza co equipo redactor do PXOM de Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

O PXOM de Ponte Caldelas xa está de novo na vila. O borrador, que fora remitido polo goberno municipal antes das eleccións de maio, xa foi revisado pola Xunta de Galicia e, a partir de agora, organizaranse asembleas veciñais nas parroquias para presentar a que será a primeira ordenación urbanística desenvolvida expresamente para o municipio.

O obxectivo destas xuntanzas é que os veciños coñezan de primeira man de que xeito lle afecta a cada núcleo de poboación este novo plan que, na súa fase inicial, foi consensuado polo PSdeG-PSOE, o BNG e o Partido Popular.

As 26 asembleas que se realizarán comezarán a vindeira semana. A primeira terá lugar o día 1 de outubro en Vilarchán, ás 20:30 horas, na Casa do Pobo e a segunda será o xoves 3 de outubro en Pazos. Haberá dúas asembleas á semana durante os vindeiros tres meses. 

Nelas estará presente un técnico da empresa ADIU SLP, encargada da redacción do PXOM, e o alcalde de Ponte Caldelas. Durante cada exposición, a cada pobo levarase un plano grande para que a xente poida revisar o documento

Todos os veciños poderán presentar alegacións. Para iso, terán que achegarse ata o Concello e un técnico será o encargado de redactala de xeito totalmente gratuíto. 

Este PXOM, recorda Andrés Díaz, é "moi importante" para o crecemento urbanístico do municipio, xa que considera que o futuro de Ponte Caldelas "pasa por se somos o suficientemente valentes e intelixentes para ser capaces de aprobar un documento que regule  noso obsoleto urbanismo que está freando o noso crecemento por falta de chan urbanizable".

O goberno local retoma así o frustrado PXOM de 2006 que quedou "no caixón", sinala o alcalde, tras o duro informe preliminar da Xunta de Galicia. Ademais, foi necesario adaptarse aos numerosos cambios na Lei do Solo e a entrada en vigor de varios plans sectoriais producidos nestes anos, o que obrigou a refacelo por completo.

Díaz recalca que Ponte Caldelas necesita crecer no seu centro urbano, onde os polígonos existentes levan parados moitos anos, e tamén racionalizar uns núcleos rurais cuxa delimitación nas normas subsidiarias ten pouco que ver coa realidade física. 

Unha vez corrixido e adaptado o documento poderá ser aprobado inicialmente polo pleno. Entón será sometido a exposición ao público durante dous meses, resolveranse as alegacións e chegará a aprobación provisional polo pleno. O PXOM será entón remitido novamente á Xunta de  Galicia, que é a quen lle corresponde a aprobación definitiva.

O PXOM prevé un crecemento dun 60% da edificabilidade existente na actualidade.  Isto tradúcese en 1.500 novas vivendas en bloques residenciais e un total de 3.400 parcelas destinadas a vivendas unifamiliares.