O Concello de Ponte Caldelas vén de rexistrar a primeira iniciativa legal contra o trasvase do río Verdugo coa interposición dun recurso diante do Concello de Vigo instándoo a anular o acto de aprobación por parte da Xunta de Goberno local, o pasado 29 de decembro, do convenio coa Xunta de Galicia para o financiamento desa controvertida obra.
O recurso, baixo a fórmula de requirimento de anulación ao amparo da Lei do Contencioso-Administrativo, ao non existir recursos administrativos típicos entre Administracións, advirte de que o acto administrativo aprobado por Vigo adolece de vicios insalvables que o converten en nulo de pleno dereito.
Ao mesmo tempo, o Concello de Ponte Caldelas, gobernado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, presentou un "escrito de consideracións" diante da entidade pública autonómica Augas de Galicia en base aos mesmos argumentos e advertíndolle de que se chega a asinar ese convenio, trámite que a Xunta de Galicia aprazou "sine die", será inmediatamente recurrido nos xulgados do contencioso-administrativo.
O recurso, que asina o alcalde, Andrés Díaz, baséase en que o Concello de Vigo non pode comprometerse a financiar unha obra fóra do seu ámbito territorial, excedéndose das súas competencias, entendendo que esta razón é suficiente para a declaración da nulidade de pleno dereito. Acompaña xurisprudencia sobre a anulación doutros convenios entre administracións, toda vez que as competencias municipais están limitadas ao termo municipal.
Por outra banda, Ponte Caldelas rexeita a validez dese convenio ao estar fundamentado na declaración de emerxencia realizada por Augas de Galicia o pasado mes de decembro. Sen embargo, a día de hoxe, está revogada precisamente a instancias do Concello caldelán. Polo tanto, engade o texto do recurso, o convenio apóiase sobre uns antecedentes e uns fundamentos xurídicos inexistentes.
Dende o punto de vista ambiental, Ponte Caldelas alerta de que, de executarse ese trasvase dende o río Verdugo, Augas de Galicia, en base á lexislación aplicable, mesmo podería aprobar a aplicación de réximes menos esixentes que o caudal ecolóxico en situacións de seca extrema, causando así un grave prexuízo, polo que invita a buscar solucións alternativas, menos agresivas medioambientalmente.
Polo que respecta á tramitación procedimental do convenio tamén se aprecian defectos de forma invalidantes. O recurso cita a ausencia dunha memoria xustificativa previa á aprobación do convenio pola Xunta de Goberno local do Concello de Vigo e tamén bota en falta a solicitude formal de colaboración, que é unha esixencia procedimental ineludible derivada da lei de execución e explotación de infraestruturas hidráulicas. Esta solicitude, ademais, debe ir acompañada de ampla documentación que tampouco se ten presentado.
Finalmente, o convenio resulta inválido porque non consta que Vigo dispoña dunha partida orzamentaria específica destinada ao financiamento destas obras e tan só se comprometeu a tramitar un expediente de modificación de créditos.
Andrés Díaz afirma que Ponte Caldelas inicia así a batalla legal contra unha "ocorrencia" que nunca debeu ter chegado ata este punto. "Ponte Caldelas está no medio dunha liorta política entre a Xunta de Galicia e o Concello de Vigo e non o imos tolerar". O rexedor esixe respecto á autonomía municipal dun concello cuxo territorio se pretendeu ocupar "case de xeito militar como se non tivera chegado a Democracia". "Uns feitos aínda máis intolerables cando falamos dunha agresión medioambiental sen precedentes para levar a metade ou máis da auga do río Verdugo en situacións de seca", engaden.
O alcalde de Ponte Caldelas aclara que o recurso previo de anulación está interposto só contra o Concello de Vigo porque foi a administración que adoptou actos administrativos susceptibles de impugnación. A Xunta de Galicia, en cambio, pisou o freo e limitouse, ata o de agora, a declaracións políticas e xuntanzas nas que a súa postura foi cambiando do trasvase si a unha vaga apelación ao consenso.
Díaz Sobral conclúe que Ponte Caldelas xa gañou a primeira batalla, consistente na derrogación da declaración de emerxencia por parte de Augas de Galicia e continuará ata onde sexa preciso para que o trasvase se desbote definitivamente.