Ponte Caldelas pide por escrito á Xunta a paralización do proxecto eólico dos Cotos

Ponte Caldelas
28 de xaneiro 2022

O alcalde Andrés Díaz asegura que o proxecto presenta unha fragmentación intencionada e incumpre a normativa ambiental estatal e europea

Andrés Díaz amosa os informes municipais desfavorables ao Parque Eólico dos Cotos
Andrés Díaz amosa os informes municipais desfavorables ao Parque Eólico dos Cotos / Concello de Ponte Caldelas

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, remitiu esta mañá á Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación unha solicitude de paralización do proxecto do Parque Eólico dos Cotos e da súa liña de evacuación alegando a ilegalidade do proxecto debido á súa fragmentación intencionada e ao incumprimento de normativas medioambientais estatais e europeas. 

O escrito recalca que o artigo 21.5 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do Sector Eléctrico, pon claramente que “formarán parte de la instalación de producción sus infraestructuras de evacuación, que incluyen la conexión con la red de transporte o de distribución, y en su caso, la transformación de energía eléctrica”, polo que non cabe posibilidade de fragmentación dos proxectos eólicos, tal e como se está levando a cabo co Parque Eólico dos Cotos.

De feito, o documento enviado polo Concello de Ponte Caldelas á Xunta é contundente ó indicar que “non se debería ter admitido a trámite” a solicitude de autorización administrativa previa do proxecto do Parque Eólico de Os Cotos ao non integrarse neste a súa infraestructura de evacuación (LAT 66 kV PE dos Cotos – SE Pontesampaio) a cal se atopa nestes momentos no trámite de consultas ambientais.

Por outra banda, o prazo concedido para a formulación de alegacións no trámite de información pública é de 15 días, o cal non se pode considerar acomodado a dereito, tal e como se recolle na recente e demoledora sentenza ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no seo do procedemento ordinario 7196/2020 e 7419/2020, nas que se contempla que "no sucede lo mismo con la reducción que su disposición adicional primera hizo respecto de ese trámite en lo que concierne a la instrucción del procedimiento de evaluación ambiental, que se sujeta a lo dispuesto en la Ley 21/2013, de 9 de diciembre, de evaluación ambiental, cuyo artículo 36.1 fija un plazo para ello no inferior a 30 días hábiles, precepto que se encontraba vigente ya desde el año 2018, y que traspuso, de forma tardía, la Directiva 2011/92/UE del Parlamento Europeo y del Consejo, de 13 de diciembre de 2011, relativa a la evaluación de las repercusiones de determinados proyectos públicos y privados sobre el medio ambiente”.

O Concello de Ponte Caldelas ten unha clara intención de paralizar este proxecto que afecta ao termo municipal ao verse afectado por unha liña de evacuación que cruza o municipio, pasando en diversas zonas moi próxima a vivendas e a elementos de alto valor patrimonial e medioambiental. Díaz amósase contundente e recórdalle á Xunta de Galicia que de non paralizar este proxecto chegará ata o Xulgado.

Arquivado en