Dez concellos. É o que, inicialmente, propón Ponte Caldelas que atenda un hipotético parque de bombeiros de Pontevedra que sexa de ámbito comarcal. O alcalde, Andrés Díaz, remitiu unha carta a todos os implicados para que, de forma urxente, se convoque unha xuntanza e se dea inicio a este proceso de comarcalización.
Xunto con Pontevedra e Ponte Caldelas, a proposta inclúe os concellos de Marín, Poio, Vilaboa, Barro, A Lama, Fornelos de Montes, Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade. Ademais, a carta remitiuse tamén ao conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, e á presidenta da Deputación, Carmela Silva.
A misiva, que se remitiu despois de manter conversas informais con varios dos destinatarios -entre eles o alcalde de Pontevedra-, conclúe apelando "ao sentido de responsabilidade para solucionar os problemas reais da xente" e pide que deixen as disputas políticas á parte para integrar o parque pontevedrés dun xeito "plena e eficaz" no mapa de emerxencias galego.
A iniciativa pretende que a sensibilidade social suscitada polo incendio da carpintaría de Tenorio, na que se volveron a evidenciar as "serias carencias" na xestión das emerxencias nos concellos máis próximos á capital da provincia, e moi especialmente na comarca do Verdugo-Oitavén, esvaeza sen resolver o problema.
O alcalde caldelán cualifica este incendio como un "toque de atención serio que non podemos pasar por alto" e engade que "a vida e a seguridade están por enriba de calquera discrepancia ou rivalidade política".
A xuízo de Andrés Díaz cómpre elevar o debate e non perderse en culpar ao condutor dunha motobomba ou aos mandos intermedios ou órganos responsables do consorcio provincial de Bombeiros.
Os tempos de resposta dende os parques de Bueu ou Ribadumia, son, no mellor dos casos, próximos a unha hora e por iso resulta "pouco construtivo" buscar responsabilidades no consorcio participado pola Deputación e a Xunta de Galicia. Entende que hai unha zona de sombra no mapa de emerxencias galego e "hai solucionala canto antes".
O alcalde caldelán insiste en que "lle toca" aos máximos responsables das emerxencias da Xunta de Galicia, da Deputación e tamén aos alcaldes poñerse a traballar xuntos, "despois de que se teña perdido moito tempo esquivando a comarcalización do parque de bombeiros de Pontevedra, un asunto que mesmo foi historicamente defendido polo concello capitalino".
O parque de bombeiros de Pontevedra, tanto pola súa situación xeográfica como pola súa dotación de medios humanos e materiais, "é o máis adecuado para corrixir esta carencia", subliña Andrés Díaz, pero, ao tratarse dun parque municipal, "é preciso abordar en serio a súa conversión nun parque comarcal, coa fórmula xurídica que proceda, e coa ampliación de medios necesaria para atender a unha poboación superior e tamén moito máis dispersa".