"Hoxe Ponte Caldelas está de loito", afirmaba este sábado abatido o alcalde, Andrés Díaz, tras comprobar os danos rexistrados no municipio tras o paso da borrasca Domingos, en especial polo desbordamento do río Verdugo.
A auga non só esnaquizou o campo de fútbol de Chan da Barcia, que quedou completamente inservible, senón que tamén se rexistraron danos no pavillón, no taller de maquinaria municipal de vías e obras, en mobiliario público e en numerosos bens privados.
"As perdas económicas son millonarias, e os danos morais son irreparables", asegura Díaz recoñecendo que "sinto rabia e impotencia porque non sei como imos a frontar este desastre".
Por ese motivo o alcalde solicitou a axuda de Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra. "O que poidan colaborar na medida das súas posibilidades, porque os danos son incalculables e non sei como os imos a afrontar", incidiu o rexedor moi afectado polo desastre natural.