Ponte Caldelas pecha o mes da troita con tres toneladas consumidas

Ponte Caldelas
30 de maio 2022

Miles de racións repartíronse esta fin de semana durante a celebración da cita gastronómica, que é de interese turístico

54 edición da Festa da Troita en Ponte Caldelas
54 edición da Festa da Troita en Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

Ponte Caldelas celebra en maio o seu particular mes da troita e durante estas últimas semanas repartíronse preto de 3.000 quilos deste peixe con motivo da Festa da Troita.

Na edición número 54 desta festa de Interese Turístico foron miles de racións as que foron degustadas e que deixaron moi bo sabor de boca en todas as aldeas de Ponte Caldelas e tamén esta fin de semana no casco urbán, onde o stand de degustación abriu ata en tres ocasións para que veciños e visitantes catasen o peixe en dúas especialidades: fritido e en escabeche.

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, valora moi positivamente esta festa que se convertiu nun símbolo de unión entre a veciñanza do rural de Ponte Caldelas e que este ano serviu tamén como evento para o reencontro despois de máis de 24 meses sen actividades debido á pandemia da covid-19.