Ponte Caldelas non está para festas sevillanas

Ponte Caldelas
19 de outubro 2017

O Concello decidiu suspender a Festa Sevillana prevista para este sábado 21 e convoca unha charla sobre a rexeneración do monte

Danos provocados polos incendios en Ponte Caldelas
Danos provocados polos incendios en Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas tomou a decisión de suspender a Festa Sevillana prevista para este sábado. O motivo atópase nos graves danos que os incendios do domingo provocaron no municipio.

O goberno local tratou o tema coa asociación Aires do Norte e Olé, que organizaba o acto e ambas as partes decidiron trasladar o evento en que ían participar varios grupos galegos e andaluces a outra data aínda sen concretar. 

Chegouse a estudar a posibilidade de levar a cabo o acto a través dun enfoque solidario, pero finalmente descartouse esta opción.

En lugar da Festa Sevillana, o Concello organizou unha conferencia dirixida especialmente ás comunidades de montes e aberta a todos os veciños sobre a rexeneración de chan forestal despois dos incendios. A iniciativa municipal faise coa colaboración da Comunidade de Montes de Taboadelo. O acto será na Casa do Concello ás 19.30 horas do sábado.

Sergio Prats Alegre, doutor pola Universidade de Aveiro (Portugal), será o encargado de ofrecer a charla deste especialista na mitigación da erosión do chan despois dos incendios forestais. 

Arquivado en