Ponte Caldelas, molesto coas axudas da Xunta polos danos dos incendios

Ponte Caldelas
31 de xullo 2018
Actualizado: 22:20

A Xunta asinou este martes os convenios de colaboración con Ponte Caldelas y Cerdedo-Cotobade polos que financiará ata o 50% da reparación dos danos que se ocasionaron nas infraestruturas municipais durante a vaga de lumes do pasado mes de outubro. Con todo, no goberno caldelá non están conformes coa contía

Sinatura do convenio entre a Xunta e os concellos polos incendios
Sinatura do convenio entre a Xunta e os concellos polos incendios / Xunta de Galicia

A Xunta asinou este martes os convenios de colaboración con quince concellos da provincia de Pontevedra polos que financiará ata o 50% da reparación dos danos que se ocasionaron nas infraestruturas municipais durante a vaga de lumes do pasado mes de outubro.

Dous deles foron os concellos de Ponte Caldelas e Cerdedo-Cotobade. Os acordos foron asinados pola directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias.

O importe de cada convenio, sinala o goberno galego, foi calculado en función da información facilitada polos propios concellos e a comprobación técnica in situ para determinar se eran ou non gastos subvencionables. 

Esta era unha das liñas de axudas incluídas na orde conxunta que habilitou o goberno galego para facer fronte aos danos producidos polos incendios, cuxo orzamento ascendeu a 13,2 millóns de euros.

A este orzamento hai que sumar os 9,8 millóns de euros investidos pola Xunta en actuacións directas en distintos ámbito, entre eles montes e estradas afectadas ou parques naturais

Con todo, en Ponte Caldelas non están conformes. Denuncian que as axudas para este concello quedan en 10.784,60 euros, un 10% dos 102.030,69 euros reclamados.

O alcalde, Andrés Díaz asinará o documento no seu despacho nos próximos días, sen participar nas convocatorias programadas polo goberno galego. "Un Concello fortemente castigado pola vaga de lumes, que varreu un terzo do seu termo municipal, non pode colaborar, nestas circunstancias, nunha posta en escena da máquina de propaganda da Xunta", afirma.

O convenio final limítase a recoller os danos rexistrados na rede de iluminación pública e nos colectores de recollida de lixo. Uns estragos que foron valorados en 21.569,19 euros e que a Xunta só subvencionará ao 50%, é dicir, con 10.784,60 euros.

O Concello, que conta con empresas de mantemento eléctrico e concesionaria de recollida, xa fixo as reparacións necesarias con cargo a estes contratos.

Sen embargo, o Concello decidiu renunciar a incluír neste convenio a reparación parcial do valado da área arqueolóxica de Tourón, valorada en 40.430 euros, ao verse obrigado a asumir o 50% da obra. "Non se pode pretender que unhas supostas axudas extraordinarias nos obriguen a acometer novos gastos", subliña o alcalde.

A resolución destas axudas, subliña o goberno local, demostra que "foron convocadas para as grandes empresas", mentres que os veciños e os concellos "recibirán, no mellor dos casos, unhas moedas". Diante desta situación "non é de estrañar que moitos concellos e a meirande parte dos veciños mesmo renunciaran a tramitalas no seu día".

A Xunta de Galicia mostrou a súa sorpresa con esta postura do alcalde de Ponte Caldelas, pois fontes oficiais da delegación territorial de Pontevedra explicaron que Andrés Díaz indicoulles que por cuestións de axenda non podería asinar o convenio este martes en Pontevedra, pero que acudiría a facelo a Vigo. Segundo aseguran, en ningún momento lles indicou que non tivese intención de asinalo, senón que por axenda faríao na cidade olívica.