O Concello de Ponte Caldelas denuncia ante a Valedora do Pobo e o Defensor del Pueblo as "chapuzas" que se están a destapar no procedemento administrativo do Parque Eólico dos Cotos e que “semellan máis propias dunha república bananera que unha administración seria como debería ser a Xunta de Galicia”.
O alcalde Andrés Díaz formulou a súa queixa con respecto do actuar da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e da Xefatura Territorial de Pontevedra de dita vicepresidencia, con respecto da tramitación seguida en relación á información pública do estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construcción, proxecto sectorial e a solicitude de declaración de utilidade pública das instalacións do Parque Eólico dos Cotos.
Concretamente, baseáse no incumprimento do artigo 21.5 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do Sector Eléctrico, que di: "Formarán parte de la instalación de producción sus infraestructuras de evacuación, que incluyen la conexión con la red de transporte o de distribución, y en su caso, la transformación de energía eléctrica".
Alegan desde o Concello que a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación non debería ter admitido a trámite a solicitude de autorización administrativa previa do proxecto do Parque Eólico dos Cotos ao non incorporar a infraestructura de evacuación.
Tamén se determinou o incumprimento do apartado 12 do art. 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, que di: “De modo simultáneo al trámite de información pública, la unidad responsable de la tramitación realizará el trámite de audiencia y de consultas a las administraciones públicas afectadas” e en ningún momento se notificou o proxecto ao Concello de Ponte Caldelas, afectado pola liña de evacuación que se incorpora na planimetría do propio proxecto.
Tamén se incumpriu o do artigo 26 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, cuxos principios xerais din que as administracións públicas: “Actuarán con transparencia en la gestión de los asuntos públicos, de acuerdo con los principios de eficacia, economía y eficiencia y con el objetivo de satisfacer el interés general” e respetarán “el principio de imparcialidad, de modo que mantengan un criterio independiente y ajeno a todo interés particular”.
Neste caso, hai unha vulneración das obrigas de transparencia e do principio de imparcialidade, ó informar a un determinado Concello con anterioridade ao desenvolvemento do trámite que debe ser publicado e permitindo a rectificación de documentos ou trámites que de non ser modificados deberían ter dado lugar á inadmisión da solicitude, de conformidade ao establecido no art. 33.3 da Lei 8/2009 e, no seu caso, á incoación dun novo procedemento.
Enténdese pois que existen causas de nulidade de pleno dereito que vician a tramitación do expediente das instalacións do parque eólico de Os Cotos, de conformidade ao establecido no art. 47.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, xunto coa vulneración por parte de Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e da Xefatura Territorial de Pontevedra dos principios de bo goberno establecidos no art. 26 da Lei 19/2013.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, considera que a Xunta de Galicia debería proceder de inmediato á paralización deste proxecto e, de non ser así, o Concello de Ponte Caldelas reafírmase na súa intención de acudir á vía xudicial para invalidar o proxecto e frear a "aberración" que se quere cometer contra o territorio e a poboación afectada.